Friday 22 de November de 2024

Touro, protagonista dos ‘Premios Alecrín 2019’


 

A Banda de Música Isabell II de Touro, o adestrador Fernando Vázquez e o empresario de Bama Beningno Pereira, entre os galardoados pola Federación de Entidades Culturaris Galegas en Cataluña que entegou os premios na Casa da Cultura de Touro nun acto no que participou o secretario xeral da Emigración, o presidente do Parlamento Galego e o alcalde de Touro

 

Touro foi protagonista dos ‘Premios Alecrín 2019’, organizado pola Federación de Entidades Culturais Galegas en Cataluña (Fegalcat). Os galardóns entregáronse o pasado venres na Casa da Cultura de Fonte Díaz, capital do Concello de Touro. E os premios tiveron a Touro a as súas xentes como protagonistas. A Banda de Música Isabel II de Touro recibiu o premio pola súa labor a prol da tradición musical de bandas tan arraigada en Galicia. Recolleu o premio o seu director, Ramón López Couso. Tamén foron galardonados o adestrador de fútbol Fernando Vázquez, pola súa traxectoria deportiva, e o empresario de Bama, Benigno Pereira, fundador e presidente de Queixerías Bama, ao que se lle recoñeceu tamén a súa traxectoria como emprendedor e empresario de éxito.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou o pasado venres, xunto ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, no acto de entrega dos “Premios Alecrín 2019” Neste marco, Miranda agradeceu aos galardoados e galardoadas o seu traballo “para espallar a nosa lingua e tradición máis aló da nosa terra”. O alcalde de Touro, Ignacio Codesido, dixo estar encantado de que o Concello de Touro servira de marco para a entrega destes galardóns, onde Touro foi un dos principais protagonistas.

Entre os premiados e premiadas desta edición tamén se atopa a pintora Maite Vázquez, que proxectou o seu traballo en América e Europa sen esquecer as súas orixes en Castro Caldelas; ou Mercedes Lindoso, emigrante lucense que levou o seu espírito emprendedor a Barcelona creando Reformas Carrete e Lista de Vodas Lindoso. “Estes premios, ademais de ser un gran recoñecemento do talento dentro e fóra de Galicia, son un claro exemplo da capacidade dos galegos”, proseguiu Rodríguez Miranda, quen, neste contexto, destacou o labor das entidades galegas en Cataluña a prol da galeguidade, exemplificada nesta “xuntanza anual que nos lembra gran parte do que somos e do que podemos chegar a ser”.