Friday 22 de November de 2024

As alumnas do Obradoiro da Memoria de Merelle ofrecen un recital de panxoliñas aos meniños do PAI, aos maiores do centro de día e aos traballadores do Concello de Lousame


O Concello de Lousame celebrou esta mañá a terceira edición do Encontro Interxeracional de Panxoliñas. As sete integrantes do grupo de maiores do Taller de Memoria de Merelle ofreceron un pequeno concerto de panxoliñas aos nenos e nenas do Punto de Atención á Infancia (PAI), así como aos usuarios e usuarias do centro de día de Lousame e aos traballadores do Concello de Lousame.

A xornada comezou, como é xa tradición, co concerto no PAI de Tállara, onde os maiores de Lousame interpretaron varias panxoliñas que foron acompañadas instrumentalmente polas pandeiretas dos meniños e meniñas. Despois, o grupo trasladouse ata o centro de día de Lousame, onde actuaron diante dos usuarios destas instalacións e ante as alumnas do Obradoiro de Emprego Iroite. Para rematar, e como novidade este ano, os maiores achegáronse ata a casa consistorial, onde interpretaron varias panxoliñas ante os traballadores municipais e os veciños e veciñas que aló estaban neses momentos.