Saturday 16 de November de 2024

Multitudinaria e emotiva presentación no salón de plenos do libro póstumo de Plácido Betanzos “Relatos e lembranzas”


 

Cumpríronse as previsións e o salón de plenos rexistrou onte pola noite un cheo absoluto con motivo da presentación dun libro póstumo de Plácido Betanzos (1952-2018) que, baixo o título “Relatos e lembranzas” e impreso pola Deputación, reúne de forma compilatoria escritos inéditos do autor palmeirán ademais doutros textos en torno á súa figura.

O acto está organizado pola Comisión de Homenaxe a Plácido Betanzos coa colaboración do Concello de Riveira e contou coas intervencións de Santi García, deseñador e coordinador da publicación; o profesor Olegario Sampedro, Sofía Betanzos, filla do autor homenaxeado; e o alcalde Manuel Ruiz (tamén estaba prevista a presenza de quen fora vicepresidenta da institución provincial Goretti Sanmartín, pero finalmente non puido acudir por un problema de saúde).

A emotividade foi a tónica dominante en cada unha das intervencións que trazaron coas súas verbas unha riquísima descrición da figura de Plácido como político, escritor, profesor, humanista, amigo e pai.

O acto incluíu un pequeno recital poético de boca da poetisa Marta Pedrosa acompañada musicalmente de José Luis Olveira.