Saturday 16 de November de 2024

Ethel Vázquez trasládalle ao alcalde de Coristanco o compromiso da xunta para estender a senda peonil da estrada AC-552 ata as inmediacións do centro comercial


Vázquez Mourelle lembra que a Xunta someteu en xuño a información pública o proxecto desta senda que conectará os núcleos de Carballo e Coristanco, cun investimento de máis dun millón de euros
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo unha xuntanza co alcalde de Coristanco, Juan García Pose, na que lle trasladou o compromiso da Xunta de estender a senda peonil da estrada AC-552 ata as inmediacións do centro comercial.

Vázquez Mourelle explicoulle ao rexedor que o seu departamento vai atender a solicitude municipal para realizar a citada prolongación do itinerario. Ademais, precisoulle que tamén se analizarán outras achegas do concello en materia de seguridade viaria nesta estrada.

Cómpre lembrar que a Xunta someteu en xuño a información pública o proxecto desta senda que conectará os núcleos de Carballo e Coristanco, cun investimento económico de máis dun millón de euros.

Esta actuación está enmarcada no Plan de Sendas de Galicia na comarca de Bergantiños, que xa está executado case ao 75 %. Este plan contempla 7 itinerarios sustentables e integrados na paisaxe, dos que 5 xa están construídos. As dúas sendas restantes continúan avanzando na súa tramitación, xa que onte se licitaba a que conectará a praia de Laxe e o paseo marítimo, e a que unirá Carballo e Coristanco, vén de someterse a información pública, como se citaba anteriormente.

Neste encontro, a conselleira tamén lle indicou ao alcalde que o Goberno galego prestará a súa colaboración para solucionar os problemas que presentan os sistemas de abastecemento e saneamento de augas deste municipio en diferentes puntos.

Neste sentido, o persoal técnico de Augas de Galicia analizará a situación presentada polo Concello, prestará asesoramento e se analizarán as posibilidades de colaborar na adopción das medidas necesarias para resolver as deficiencias.

No que se refire a actuacións de carácter hidráulico, Ethel Vázquez tamén abordou co rexedor posibles labores de conservación e limpeza nos treitos interurbanos dos ríos Vao e Balsa, do que se ocuparán as brigadas de limpeza de Augas de Galicia.