Saturday 16 de November de 2024

Concello e Xunta avanzan no deseño da Intermodal


Villoslada asegura que se avanzou na integración dos proxectos municipais no proxecto básico de execución, en especial no referido aos accesos

O concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, mantivo esta mesma mañá unha reunión técnica co persoal responsable de mobilidade da Administración autonómica co fin de axilizar a construción da Estación Intermodal.

Villoslada asegura que se avanzou na integración dos proxectos municipais no proxecto básico de execución, en especial no referido aos accesos. Ademais abordouse o proxecto básico contratado pola Xunta, anterior ao proxecto construtivo, e analizouse a integración destes accesos no citado proxecto. O edil de urbanismo afirma que este encaixe está practicamente acordado, salvo “pequenos axustes técnicos”, que se acordarán en setembro cando terá lugar a seguinte reunión a tres bandas: concello, ADIF e Xunta.

Por outro lado, o concello ultima a revisión do convenio marco entre ADIF e Xunta do novembro pasado co fin de lle realizar algunha achega ao mencionado acordo.

Ademais, abordáronse as diferentes modificacións urbanísticas que debe facer o concello, necesarias para levar a cabo o proxecto construtivo. Villoslada sostén que se trata de dúas modificacións: unha referida ao plan que lles afecta ás avenidas da Sardiñeira e de Arteixo, modificación que xa está elaborada e que se tramitará nos próximos meses, e outra que lle afecta a todo o sector da avda. do Ferrocarril e ao chan da propia estación.

O obxectivo da reunión de setembro entre as tres partes é realizar un cronograma para determinar os pasos que hai que seguir co fin de axilizar esta obra de máxima prioridade para o concello. Neste sentido, Villoslada asegura que o seu departamento axilizará as obras para os accesos dun dos proxectos (o que lle afecta á avda. de Ferrocarril, xa que non necesita un cambio de plan). “Incluirémolo xa nestes orzamentos, licitarémolo e executarémolo no menor tempo posible”.

As previsións da Xunta apuntan ao ano 2023 como data probable para finalizar todas as obras que posibilitarían poñer en funcionamento a Estación Intermodal. “Todos traballaremos para facer realidade unha infraestrutura prioritaria para a mobilidade non só da cidade, senón da área metropolitana e de Galicia”, apuntou o edil de Mobilidade.