Na sesión desta mañá xurou o seu cargo como nova concelleira Beatriz Paz Rosende
A Corporación de Noia habilitou esta mañá algo máis de 449.000 euros en tres modificacións de crédito para poder financiar diversas obras, servizos e iniciativas culturais e deportivas. Foi no transcurso dunha sesión extraordinaria na que xurou o seu cargo como nova concelleira Beatriz Paz Rosende, que sustitúe a Ángela Neri dentro do grupo municipal do PP.
As tres modificacións de crédito son posibles grazas ao remanente de tesourería de que dispón o Concello. A primeira delas, aprobada co voto a favor do goberno (PP e NOIA), a abstención do PSdeG-PSOE e Marea Cidadá de Noia e o voto en contra do BNG, ascende a uns 257.500 euros. Utilizarase fundamentalmente para diversos gastos nos eidos cultural e deportivo, entre eles programacións de actividades ou tarefas de reparación e mantemento de instalacións.
A seguinte modificación de crédito abordada polo Pleno esta mañá tiña un importe de 144.000 euros, que se empregarán en diversas pavimentacións, no pagamento de subministracións necesarias para o funcionamento dos servizos do Concello, en reparacións de parques e xardíns ou en melloras na iluminación pública, entre outras intervencións. Obtivo o respaldo do goberno e a abstención das tres formacións que integran a oposición.
Finalmente, a terceira operación, tamén procedente de remanentes, aproxímase aos 48.000 euros e servirá para que o Concello efectúe as achegas que lle corresponden no Plan de Mellora de Camiños Municipais e no acondicionamento do sistema de viais do polígono industrial de Augalevada.
O rexedor explicou que a utilización deste mecanismo serve para axilizar o pagamento de facturas aos proveedores do Concello sen ter que agardar a recoñecementos posteriores. Non obstante, Santiago Freire aposta por que nos vindeiros anos o Concello poida perfeccionar a súa previsión de gastos, xerando menos remanentes e sen necesitar utilizalos a posteriori. O alcalde precisou que o Concello leva moitos anos arrastrando esta cuestión, que en todo caso é operativa e non responde a ningunha dificultade financeira.
Emenda retirada
No transcurso do debate da primeira das modificacións de crédito o grupo de Marea retirou unha emenda para reter 27.000 euros destinados á Cruz Vermella coa finalidade de apoiar gastos de persoal nesta organización e contribuír á posta en marcha dunha ambulancia para o servizo do municipio.
A retirada da proposta, acordada nunha pausa do pleno, debeuse a que o alcalde, Santiago Freire, explicou as xestións que o seu goberno está levando a cabo coa propia Cruz Vermella e con institucións como a Deputación da Coruña para acadar o servizo da ambulancia, complementaria á do 061, en sintonía cun acordo unánime da Corporación adoptado hai uns meses.
Freire lembrou tamén que aínda que se aceptase a emenda de hoxe non daría tempo suficiente para poder encargar a adquisición do vehículo, polo que a modificación dos 27.000 euros non tería ningunha eficacia. Ademais, a proposta do grupo da oposición non recollía de xeito expreso, específico e concreto se a achega para a Cruz Vermella sería puntual ou tería que reeditarse en sucesivos anos.
Os grupos da oposición valoraron o compromiso firme do executivo noiés para que unha futura modificación de crédito ou os vindeiros orzamentos municipais recollan as contías necesarias para activar o servizo de ambulancia, unha vez se especifique a colaboración coa Cruz Vermella e se exploren os posibles apoios doutras administracións.