Thursday 21 de November de 2024

Ovidio Rodeiro destaca que as distintas liñas de axuda da xunta en materia turística aos concellos deixarán na comarca de Bergantiños-Costa da Morte máis de 138.000 euros


O delegado territorial da Xunta na Coruña informou destas achegas que reciben este ano os concellos para mellorar a calidade da oferta turística e para promover as súas festas

O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, visitou a zona na que se levará a cabo a mellora da accesibilidade e a reparación da pasarela na fervenza do Ézaro, actuación que contará cunha achega da Xunta de máis de 34.000 euros.

O delegado territorial aproveitou a visita para facer balance das axudas que a Consellería de Cultura e Turismo destina aos concellos da comarca de Bergantiños-Costa da Morte nas diferentes liñas de axudas que ascenden a 138.000 euros. En primeiro lugar informou das axudas para o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural. En segundo lugar valorou as achegas para a contratación de persoal nas oficinas de Turismo, e en terceiro lugar analizou as axudas para a promoción das festas de interese turístico de Galicia, coas que se apoia a súa difusión e promoción e se incorpora ademais a cobertura dos gastos para a posta en marcha da campaña de información e sensibilización fronte a violencia sexual en espazos públicos emprendida no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

O representante do goberno autonómico destacou que “as achegas para a mellora da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos van dirixidas a mellorar a calidade dos recursos turísticos dos concellos para facelos máis atractivos aos visitantes”. Neste senso, apuntou que “estas subvencións están orientadas ao fomento e posta en valor da riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística dos municipios”.

Concretamente, na comarca de Bergantiños-Costa da Morte recibirán estas subvencións os concellos de Camariñas, Dumbría e Ponteceso.

Cómpre lembrar que o Goberno galego ampliou os fondos dirixidos a concellos, mancomunidades ou xeodestinos, entre outros, co obxectivo de afondar na colaboración coas administracións locais e mellorar as infraestruturas turísticas a través do seu embelecemento, a mellora da sinalización ou da accesibilidade, principalmente.

Nas convocatorias da Consellería de Cultura e Turismo se inclúen tamén as subvencións para contratación de persoal nas oficinas de turismo que recibirá Corcubión, Fisterra e Laxe.

Tamén se recollen as axudas aos concellos para o apoio, promoción e difusión para as festas declaradas de interese turístico de Galicia que en 2019 beneficiará á Festa das Cereixas de A Laracha, á Romería de San Fins de Castro en Cabana de Bergantiños, á Mostra do Encaixe de Camariñas, á Semana Santa de Fisterra, á Romería de Santo Hadrián de Malpica, á Festa do Naufraxio de Laxe, á Festa do Percebe do Roncudo de Ponteceso e á Faguía de Carnés de Vimianzo.

Esta terceira liña de axudas se centra na promoción das festas de interese turístico de Galicia, coas que se apoia a súa difusión e promoción e se incorpora ademais a cobertura dos gastos para a posta en marcha da campaña de información e sensibilización fronte a violencia sexual en espazos públicos emprendida no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Estas axudas chegarán aos concellos de Laxe, Malpica de Bergantiños, Ponteceso e Vimianzo.

Están partidas destinadas aos concellos galegos nos que se celebren algunha das 124 festas de interese turístico de Galicia e contribúen ao apoio, promoción e difusión destas celebracións. Tamén inclúe a posta en marcha, durante a festa, da campaña Agresión Off, Eu digo non á violencia sexual.

As festas poden obter unha axuda de 6.000 euros, xa que as actuacións subvencionables relativas á promoción e difusión poderán acadar un máximo de axuda de 3.000 euros e as relativas á campaña de información e sensibilización fronte a violencia sexual en espazos públicos outros 3.000. En total, a liña de subvencións conta cun investimento global superior aos 600.000 euros coa colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo e a Vicepresidencia, Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Ademais, a Consellería de Cultura e Turismo conta cun convenio coa entidade financeira Abanca, polo que cada celebración pode acceder a unha axuda adicional de 1.500 euros.