Friday 22 de November de 2024

As obras no castelo de Naraío permitirán volver conquistar a torre


Concello, Deputación, empresa e dirección do proxecto asinaron esta mañá na fortaleza a acta de implantación da obra, que se conta estea rematada en novembro

 

A fortaleza de Naraío leva séculos dominando o val do Castro. Sábese que durante a segunda revolta irmandiña alomenos unha parte do castelo quedou destruída e que despois sería reedificado con modificacións sen que se coñeza ben que usos puido ter a partir do século XVI. Desde aquela as súas ruinas pasaron por expolios de pedra, pastoreos que mantiveron á raia a maleza e, hai escasamente unha década, por dúas fases de consolidación pensadas para evitar o seu esmorecemento definitivo e como alicerce de futuras intervencións que permitan poñelo en valor e coñecer a súa relevancia patrimonial e histórica. O terceiro paso nese camiño deuse hoxe entre os muros que aínda quedan en pé, coa sinatura da acta de implantación das obras que comezarán en escasos días para mellorar a accesibilidade e a seguridade de todo o conxunto. De entre todos os traballos previstos, sen dúbida o que máis ha chamar a atención será a nova estrutura que se instalará por dentro da torre para poder subir ata o punto máis elevado do castelo, emulando desta maneira a quen viviron nel ou a quen lograron conquistalo, anque fose por pouco tempo, no último terzo do século XV.

Na sinatura da acta estiveron presentes representantes da empresa adxudicataria dos traballos -Desarrolla Obras y Servicios S.L.-, da Deputación da Coruña -que cofinancia nun 80% as actuacións-, do Concello e tamén da parte de dirección de obra, da que se encarga a Xunta delegando esa función no arquitecto José Antonio Alonso, artífice dos dous proxectos de consolidación anteriores. O documento rubricado esta mañá marca un prazo máximo dun mes para iniciar unhas obras que, a partir de aí, deberán executarse no prazo máximo de dous meses máis. Dito doutro xeito, todo o recollido no programa da intervención debe quedar listo, salvo imprevistos ou prórrogas que se concedan, o 9 de novembro.

Todo apunta a que esa marxe preparatoria dun mes se vai adiantar e, tal e como comentaron desde a empresa de enxeñaría, a súa intención é comezar xa nos próximos días cos acopios de material e as reunións de traballo co arquitecto e o arqueólogo que supervisará todos os pasos que se vaian dando quen, ademais, fará novos labores de prospección e de documentación dos posibles achados.

Esta terceira grande actuación consistirá, a grandes trazos, na limpeza preparación dos accesos con escalinatas desde o punto máis baixo do rochedo onde se asenta o castelo, acompañadas de elementos que lle dean seguridade ás visitas tanto no camiño principal como nos sendeiros que rodean os distintos niveis dos muros.

A idea é acondicionar un itinerario circular desde a porta principal que tamén permita ver partes hoxe ocultas debido á acumulación de entullos de derrumbamentos ou polo amoreamento de materiais das obras anteriores. Outro dos obxectivos do proxecto é rematar a consolidación dos paramentos aos que non se lles tocou na primeira e máis na segunda fase, acometidas entre 2007 e 2011.

Canda este repaso xeral ao aspecto da zona e á seguridade tamén se farán outros traballos que contribuirán a poñer en valor todo o conxunto como enclave turístico. E é que o proxecto deseñado polo arquitecto José Antonio Alonso contempla encaixonar en madeira tratada o andamio exterior que comunica a base da torre coa porta situada a media altura da fachada sur. A partir dese punto, e xa no interior, armarase unha segunda estrutura con catro alturas que permitirá seguir subindo ata o punto máis alto do castelo.

O obxectivo deste novo conxunto de escaleiras e plataformas é, segundo xustifica o arquitecto, que se poidan apreciar aspectos construtivos como cornixas, fiestras e arranques de arquerías que doutro xeito non se poderían ver. Ademais, chegar ao punto máis alto do torreón permitirá entender a razón de ser da fortaleza e apreciar o excepcional reto de enxeñaría que debeu supoñer a súa construción.

Porén, poder acceder á parte máis elevada do castelo tamén ten “un simbolismo especial”, segundo comentou Secundino García. “A xente de Naraío e do resto de San Sadurniño sempre tivemos o castelo como algo noso. Percorrémolo infinidade de veces e moitos de nós de pequenos, cando non había o andamio que hai hoxe, incluso nos arriscamos a entrar na torre con escadas de madeira ou cordas. A aventura acababa aí, agardando a algún día poder seguir subindo ata arriba. E parece que ese día está cada vez máis cerca. Se todo vai sobre o previsto, no outono tanto nós coma a xente que nos visite poderá coroar o torreón e sentirse coma os vixías que o defendían ou coma aqueles irmandiños que lograron conquistalo a finais do século XV, aínda que fose só por pouco tempo”.

Atalaia do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal
Ademais de divisar parte do val do Castro, desde o alto tamén se ven mellor os rochedos do Saíme e o marcado desnivel do río, que conforman un dos puntos de interese do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal.

A fortaleza de Naraío érguese ao carón da falla xeolóxica que vai desde As Pontes até Campelo, en Valdoviño, e na confluencia entre o bloque granítico do Forgoselo e os terreos sedimentarios que se extenden cara ao norte. O enclave ofrece deste xeito “condicións ideais” para converterse nunha das entradas polo sur ao complexo xeolóxico do Cabo Ortegal, para o que San Sadurniño e outros seis concellos da comarca tentan obter o distintivo de xeoparque que outorga a UNESCO.

Case 170.000 euros de investimento
Os labores que comezará á volta duns días resultan dun longo proceso de negociacións do Concello coa Deputación e coa Xunta. En 2015 e 2017 Secundino García e Manolo Varela mantiveron reunións con responsables do goberno autonómico solicitando a continuación da posta en valor da fortaleza. Naqueles encontros arrancouse o compromiso da Consellería de Cultura de preparar o proxecto técnico para unha terceira fase de consolidación, aínda que sen achega económica para as obras propiamente ditas. Aí entrou en xogo Deputación da Coruña, quen facilitou o 80% dos cartos necesarios por medio dun convenio suscrito co Concello o pasado mes de decembro. O ente provincial reservou unha partida de 151.000 euros e o Concello outra de 37.500 -procedente dos remanentes de 2017-, mentres que a Xunta se comprometeu a facerse cargo dos custes do proxecto arquitectónico e da dirección de obra.

O prezo de adxudicación final foron 169.871,90€ tras un procedemento de licitación ao que concorreron catro empresas. Con todo, desde o goberno local avanzan que este investimento non será o único, senón que xa se traballa na busca de finanzamento para unha cuarta e definitiva fase que se centre tanto na rehabilitación de partes da fortaleza como na posta en marcha dun proxecto que permita interpretar a relevancia arquitectónica e histórica do conxunto.