Saturday 16 de November de 2024

O Concello aposta por revitalizar o carácter científico da cidade para recuperar o seu papel en foros nacionais e internacionais


 

O concelleiro de Cultura e Educación, Jesús Celemín, asegura que a intención do Goberno local é que A Coruña volva estar no circuíto de grandes congresos

O edil de Cultura, Jesús Celemín, asistiu esta tarde na Domus á presentación da web e do logo do XXIV Congreso Estatal de Astronomía que terá lugar na cidade entre o 30 de abril e o 2 de maio do 2020.

O edil felicitou a Asociación Astronómica Ío por conseguir que a cidade sexa a sede do primeiro congreso de astronomía que se realiza en Galicia e subliñou a importancia de que eventos deste tipo se leven a cabo na Coruña. “Unha cita que serve para reforzar o carácter científico dunha cidade involucrada desde hai anos na divulgación da ciencia a través dos seus museos, o Muncyt e o planetario”, apuntou. Un carácter científico que o concello pretende revitalizar para que A Coruña recupere o seu papel protagonista en foros nacionais e internacionais.

A presenza no Congreso Estatal de Astronomía de figuras da categoría de Jocelyn Bell, unha lenda da astronomía e todo un referente para a xente máis nova polo seu compromiso pola igualdade de oportunidades na ciencia, serven tamén, dixo o edil, para poñer de relevo a necesidade de promover a igualdade e a defensa da diversidade na ciencia.
Desde o Goberno local traballaremos na defensa da diversidade e na igualdade non só no ámbito científico, senón tamén no social, económico e político”, recalcou Jesús Celemín.

Durante a súa intervención o edil lembrou a obriga de revitalizar o turismo de congresos para que A Coruña recupere a súa presenza en foros nacionais e internacionais. “A realización de congresos servirá para reforzar a marca turística da cidade”, sinalou.