O obxectivo desta iniciativa é potenciar os mercados dominicais de Lestedo e Rodiño con propostas culturais e de lecer
O Concello de Boqueixón porá en marcha este domingo 11 de agosto o seu programa Feiras Activas. Trátase dunha iniciativa impulsada a través dos Departamentos de Cultura e Turismo coa que se pretende incentivar e potenciar os mercados de Lestedo (no primeiro e terceiro domingo de cada mes) e de Rodiño (o segundo domingo de mes) aportando un valor engadido a través de propostas culturais e de lecer.
“Dende o Concello de Boqueixón quixemos poñer en marcha este programa de dinamización das nosas feiras dominicais co fin de darlles un novo pulo. Pretendemos ofrecer un motivo máis para que a xente se achegue tanto a Lestedo como a Rodiño para coñecer de primeira man os nosos mercados dominicais e aproveitar para visitar estas localidades e mercar ou consumir nos seus establecementos comerciais e hostaleiros”, explica o alcalde boqueixanés, Manuel Fernández Munín.
A primeira das propostas desenvolverase este domingo 11 de agosto na Carballeira de Rodiño, coincidindo, ademais, coa Feira da Xudía. As actividades desta última inclúen misa na Capela de San Bieito ás 11.00 horas, actuación do grupo Son de Gaita, ademais de inchables para a cativada e degustación gratuíta de xudías.
A maiores, o programa Feiras Activas dará comezo ás 12.30 horas co espectáculo Cirkote. Kote Malabar será o protagonista desta sesión gratuíta apta para todos os públicos que terá lugar na Carballeira de Rodiño.
A seguinte cita das Feiras Activas será xa o 1 de setembro, ás 12.30 horas, no Campo da Feira de Lestedo, co espectáculo Rogelio, un pallaso en recuperación protagonizado pola compañía Assircópatas.
Xa o domingo 8 de setembro, na Carballeira de Rodiño, ofrecerase ás 12.30 horas o show Historias que veñen e van. Trátase dun monólogo de Cándido Pazó. Continuarán as actividades o 15 de setembro no campo dá feira de Lestedo. Ás 12.30 horas con Volta e Dalle Teatro que ofrecerán a súa espectáculo Rodesindo da Barrosa.
As propostas continuarán nos vindeiros meses con diverso tipo de actividades. Entre elas atópanse tanto un magosto (previsto para ben entrado o outono) e unha feira micolóxica.