Presupostado en máis de 212.000 euros, permitirá un aforro do 85% na factura eléctrica e reducirá a contaminación lumínica e as emisións de CO2
O Concello de Frades vén de sacar a licitación dous proxectos de aforro e eficiencia enerxética no alumeado público de sete parroquias do municipio por valor de 212.762,98 euros. “Dous proxectos financiados cunha achega do IDAE e que permitirán cambiar 280 puntos de luz en sete parroquias de Frades, o que permitirá un aforro aproximado do 85% na factura de enerxía eléctrica, así como diminuír a contaminación lumínica e as emisións de CO2”, explica o alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez.
Os dous proxectos licitados permitirán cambiar un terzo do alumeado público municipal, composto por 994 luminarias repartidas en 65 cadros. Concretamente, substituiranse 280 puntos de luz de lámpadas de vapor de sodio alta presión e vapor de mercurio das parroquias de Abellá, Frades, Gafoi, Mesos, Moar, Papucín e Vitre por luminarias LED de última xeración e elevada eficiencia enerxética, que evitan a contaminación luminosa por teren un fluxo hemisférico superior por debaixo do 1%.
Así mesmo, renovaranse e arranxaranse os cadros de mandos existentes, adaptándoos aos novos sistemas de alumeado e instalando un reloxo astronómico en cada un deles. “Os reloxos astronómicos son interruptores horarios que incorporan un programa especial que ten a vantaxe de que non é precisa a programación manual e periódica dos tempos de acendido e apagado, senón que se adaptan á nosa zona xeográfica e nos permite tamén atrasar ou adiantar de xeito uniforme os tempos de acendido e apagado, conseguido así unha maior eficiencia”, apunta Rey Martínez.
Coa execución destes dous proxectos, o Concello de Frades axustará o nivel de iluminación ás características de cada lugar e vía, de acordo ao especificado polo Real Decreto 1890/2008 Regulamento de Eficiencia Enerxética en Instalacións de Alumeado Exterior e polo documento “Requisitos técnicos esixibles para luminarias con tecnoloxía LED de alumeado exterior”, elaborado polo IDAE e o Comité Español de Iluminación (CEI). As obras teñen un prazo de execución máximo de seis meses, polo que deberían estar rematadas a principios de 2020.