Esta fin de semana a localidade de Ardemil celebrará, un ano máis, a súa tradicional malla. Da man da Asociación Cultural Castro da Croa, en colaboración co Concello de Ordes e varias empresas da zona, o programa inclúe toda unha serie de actos e mostras de grande interese para veciños, veciñas e visitantes.
A primeira data está posta para mañá venres, 9 de agosto. A partir das 22 horas repartirase de balde touciño entrefebrado entre as persoas asistentes, que ademais poderán botar máis dunha baila coa actuación en vivo que terá lugar.
Xa para o sábado, ás 12 horas, dará comezo a xornada principal na que o público poderá contemplar e revivir a malla. A esa hora toda a cuadrilla de labregos e traballadores ocuparán o campo onde e levarán a cabo os labores de separar debidamente a palla do gran, facendo uso en todo momento de apeiros e maquinaria tradicional.
Novamente haberá feira de antigüidades e unha ampla exposición de tractores, coches, motos, motores e apeiros doutras épocas. Tamén se poderán contemplar ou adquirir, obxectos como pías, adornos, mobles, farrapos, motores de máquinas de mallar etc, moitos deles con máis dun século ás súas costas.
O ‘Dúo Suso’ e un grupo de gaitas porán a nota musical a esta xornada na que tamén haberá un gran xantar popular baixo unha carpa, e en cuxo menú non faltarán nin o polbo nin a carne ao caldeiro.