A marcha encádrase no festival familiar que se celebra o domingo 1 de setembro, ao día seguinte da Feira Rural
O arranque de setembro promete ser un dos momentos de maior actividade en San Sadurniño. O sábado 31 de agosto temos a XI Feira Rural, á semana seguinte unha nova edición do Chanfaina Lab e, entremedias, o domingo 1, celébrase ao pé do Xubia o festival Sons na Cortiña cunha chea de propostas de lecer e musicais para toda a familia. Unha das máis destacadas é a andaina solidaria contra o cancro que organizan a delegación nas Pontes da Asociación Española de loita contra o cancro -AECC- e a Asociación Brío. A partir das 11.00h. percorreranse 4 quilómetros de trazado polos arredores do enclave do festival. O prazo de inscrición xa está aberto, cun prezo xeral de 5€ e de 3€ para menores de 14 anos. A Asociación Brío ten tamén dispoñibles desde hoxe camisetas co lema da iniciativa, “San Sadurniño en marcha”.
A saída da camiñada está posta para esa hora, para as 11 da mañá, pero a actividade xa comezará antes. De feito, a partir das 9.30h. abrirá un punto de inscricións presenciais onde tamén se poderán adquirir as camisetas e outro merchandising co que recadar fondos para a investigación na loita conta o cancro.
A andaina é un evento solidario concibido tamén como unha festa dos hábitos saudables e, nese sentido, ás 10.30h. ofrecerase unha animada sesión de zumba a xeito de quecemento preparatorio para o percorrido, con saída e chegada na Cortiña.
Será unha ruta de baixa intensidade apta para todas as idades. Desde o arboreto de especies autóctonas da ribeira do Xubia cruzarase o río para pasar ao sendeiro da outra banda e, desde alí, seguirase camiño até a Bidueda. Pasarase por diante da nave de Metalfra e logo, uns metros máis adiante, collerase o desvío á dereita con rumbo a Cornide. Desde alí baixarase de novo á ponte sobre o Xubia, volverase percorrer o tramo sur do paseo, cruzarase á altura do mesón A Granxa e, finalmente, volverase ao punto de saída pasando polo lado da estatua da deusa Navia e do Pinocho de madeira.
A actividade está encadrada na primeira edición do Circuito Provincial “En marcha contra o Cancro” promovido pola Xunta da AECC na Coruña, nuns casos como carreira popular e noutros -coma este- en forma de marcha. Na convocatoria, ademais da Asociación Brío, tamén colaboran Biela e Chaveta e varias firmas comerciais de San Sadurniño, As Pontes, Moeche e Cerdido.
Sons na Cortiña
A marcha de San Sadurniño serán 4 quilómetros xustos que se farán sen présa e que, ademais, suporán a primeira das actividades dunha xornada, a do Sons na Cortiña, que depara máis actividades.
Así, para as 12 ou 12.30h. -dependendo de como vaia o horario-, a Asociación Cultural Brío ten prevista unha exhibición de hip-hop, seguida ao seu remate dunha batukada armada polo grupo de ConcienciArte Cultura Colectiva.
A tarde do Sons na Cortiña -de 15 a 18.00h.- está reservada para os xogos tradicionais e populares, ademais de ofertarse un obradoiro de circo e un circuíto de coches a radio control. Da parte musical ocuparanse a partir das 17.30h. Uxía Lambona e a Banda Molona e o grupo The Tetas Van.