As axudas permiten facer fronte aos seguros para os voluntarios, a compra de uniformes, de sistemas de comunicación ou de equipamentos de prevención e de protección
As agrupacións de persoal voluntario de protección civil dos concellos da área de Ferrolterra recibirán da Vicepresidencia da Xunta de Galicia un total de 22.731 euros a través da orde de colaboración económica con estas entidades, destinada a posibilitar o seu funcionamento a través do financiamento de gastos de natureza corrente. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas.
As entidades, que están inscritas no Rexistro de Agrupacións de Persoal Voluntario de Protección Civil, percibirán entre 2.600 e 1.500 euros e son as dos concellos de Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, As Pontes e Valdoviño.
As subvencións están destinadas a comprar os uniformes dos voluntarios, os medios de intervención, material informático e de comunicacións, así como os equipamentos de prevención e de protección persoal e colectivo, sempre que se trate de material funxible.
Esta liña de axudas tamén permite facer fronte aos gastos ocasionados durante as actuacións levadas a cabo polas agrupacións en materia de protección civil, así como aqueles investimentos para a conservación, mantemento ou alugamento da súa base. Por último, a través desta orde as agrupación tamén poden pagar os seguros do persoal voluntario de protección civil e os gastos ocasionados pola formación dos seus compoñentes.