Friday 22 de November de 2024

A Vicepresidencia da Xunta aporta 24.000 euros para os gastos de funcionamento de 12 agrupacións de voluntarios de protección civil da área de Bergantiños e Costa da Morte


As axudas permiten facer fronte aos seguros para os voluntarios, a compra de uniformes, de sistemas de comunicación ou de equipamentos de prevención e de protección

As agrupacións de persoal voluntario de protección civil dos concellos da área de Bergantiños e Costa da Morte recibirán da Vicepresidencia da Xunta de Galicia un total de 23.898 euros a través da orde de colaboración económica con estas entidades destinada a posibilitar o seu funcionamento a través do financiamento de gastos de natureza corrente. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas.

As entidades, que están inscritas no Rexistro de Agrupacións de Persoal Voluntario de Protección Civil, percibirán entre 2.700 e 1.500 euros e son as dos concellos de Camariñas, Carballo, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Malpica, Muxía, Vimianzo e Zas.

As subvencións están destinadas a comprar os uniformes dos voluntarios, os medios de intervención, material informático e de comunicacións, así como os equipamentos de prevención e de protección persoal e colectivo, sempre que se trate de material funxible.

Esta liña de axudas tamén permite facer fronte aos gastos ocasionados durante as actuacións levadas a cabo polas agrupacións en materia de protección civil, así como aqueles investimentos para a conservación, mantemento ou alugamento da súa base. Por último, a través desta orde as agrupación tamén poden pagar os seguros do persoal voluntario de protección civil e os gastos ocasionados pola formación dos seus compoñentes.