O consistorio tamén ten aberto o prazo de presentación de ofertas para pavimentar a explanada da feira
Beatriz Bascoy e responsables da empresa Urespa Proyectos y Obras asinaron este martes a acta de recepción das obras que se desenvolveron nos últimos meses no recinto feiral de San Ramón, consistentes no adecentamento exterior de varias naves, na mellora da accesibilidade e na reparación do edificio de usos múltiples onde teñen a súa sede varias entidades do municipio. O proxecto tivo un custe de algo máis de 66.500 euros, financiados nun 80% con cargo a un convenio suscrito coa Deputación da Coruña, quen onte tamén desprazou persoal técnico a Moeche para verificar o remate dos traballos. Esta actuación forma parte dun programa máis ambicioso que persegue renovar todo o espazo da feira de cara a “revitalizalo como punto de dinamización económica e social”, tal e como explicou a rexedora. Bascoy lembrou, ademais, que nestes momentos está aberto o prazo de presentación de ofertas para o proxecto de aglomerado da explanada sur de San Ramón -fronte ás naves do gando- xunto coa súa conexión coa DP-4901. Neste caso trátase dunha obra acollida ao POS+ 2019 que tamén inclúe a reparación do camiño das Pedreiras ata o límite con San Sadurniño.
O proxecto recepcionado onte abordou tanto o aspecto xeral do espazo como a mobilidade entre as distintas dependencias. Así, o que máis salta á vista é o lavado de cara exterior que se lle deu á nave do polbo, o remate da parte traseira da nave do mercado e a colocación dun panel metálico coa feitura dun grande indicador luminoso situado en paralelo á estrada provincial, principal punto de estacionamento e de acceso á feira polo leste. A obra tamén serviu para repoñer o saneamento no contorno da antiga nave das verduras e para instalar novas varandas e reparar accesos.
Con todo, boa parte do investimento centrouse no arranxo das instalacións multiusos, onde teñen a súa sede varias entidades do municipio ademais doutros servizos de apoio ao sector primario. Ao edificio preparóuselle unha pequena zona de almacén, recibiu tratamento contra as humidades, pintouse por fóra e, quizais o máis relevante, dotouse de aseos completamente novos e adaptados a persoas con mobilidade reducida. “Esta parte da obra vén cumprir unha petición que nos fixeron as entidades e que, por outra banda, era algo urxente, vendo as condicións en que estaba o edificio. Había tempo que queriamos darlle solución e o convenio suscrito coa Deputación permitiunos facelo como unha parte máis da remodelación integral que estamos levando a cabo en San Ramón”, comenta Beatriz Bascoy.
A alcaldesa engade que a restauración do recinto feiral “é algo que avanza amodo pero con paso firme, xa que cómpre ir facendo as cousas na medida das posibilidades económicas do Concello e das achegas que sexamos capaces de xestionar doutras administracións. Vaise cumprindo pouco a pouco a folla de ruta que marcamos en 2016 co impulso ao mercado, ás feiras do 11 e do 23 e coa diversificación dos eventos que aquí se celebran, co obxectivo de revitalizar San Ramón como punto de dinamización económica e social moi relacionado co sector primario”.
Dentro dese programa de posta en valor do espazo xa hai no horizonte unha nova intervención. E é que o Concello ten en marcha neste momento a licitación do proxecto denominado “Pavimentación do Camiño das Pedreiras-San Sadurniño e do recinto feiral”. Trátase dun contrato cun prezo de saída de 73.238 euros -ive incluído- no que, por razóns operativas e de proximidade, o Concello xuntou dúas obras.
Dunha banda está a reparación duns 475 metros da pista que vai desde a estrada de Ortigueira até a Bañoca -en San Sadurniño-, que Moeche amañará con aglomerado no seu territorio mentres que o concello veciño fará o propio polo seu lado. Ademais tamén se prevé reparar un pequeno tramo de beirarrúas e modificar a conexión do saneamento coa foxa das Pedreiras.
Por outro lado, xa no espazo da feira, aglomerarase a explanada que hai diante das naves dos cabalos e do gando, así como o tramo que conecta esa zona coa estrada provincial á altura de Pensos Pazo. Extenderanse cerca de 5.700 metros cadrados de pavimento, previa instalación dun novo sistema de drenaxe. Toda a información sobre o proxecto pode consultarse na Plataforma de Contratación, onde figura que o prazo para presentar ofertas finaliza este venres 9 de agosto.