Sinala que esta oferta levarase a cabo sempre que o compromiso da empresa sexa o de manter o traballo de toda a plantilla de 330 empregados
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe o ofrecemento a Parter dun plan de formación para a plantilla de Alcoa Coruña e, se a normativa o permite, financiar o investimento que esta fábrica precise. Esta oferta levarase a cabo, incidiu, sempre que o compromiso da empresa sexa o de manter o traballo de toda a plantilla de 330 empregados.
Díxoo despois das reunións que mantivo esta mañá acompañado polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, con máximos directivos de Parter e, posteriormente, co comité de empresa da planta coruñesa e cos sindicatos do sector.
Durante a súa intervención ante os medios de comunicación, Feijóo destacou que o contrato asinado entre Parter e Alcoa é unha “solución provisional” que a Xunta quere que “se converta en solución definitiva”. Lembrou que o contrato supón un “novo horizonte” co que Parter xestionará a fábrica durante dous anos coa intención de proseguir a súa explotación para rentabilizala.
Feijóo recordou que o Goberno galego colaborou sempre que lle foi solicitado polo Ministerio de Industria, acudindo a todas as reunións ás que foi convocado nos últimos meses e tramitando, executando e concretando as peticións feitas directamente pola ministra.
Así mesmo, o presidente da Xunta falou tamén do futuro da industria electrointensiva, que, dixo, pasa pola aprobación dun Estatuto no que se concretarían os prezos para as industrias que utilizan a enerxía como unha fonte clave para a súa produción. Así, asegurou que isto sería bo para Parter, pero tamén para o resto das empresas electrointensivas de Galicia.
“Tanto o directivo de Parter como o comité de empresa coinciden en que este problema non acabou, senón que continua, e por iso temos que seguir traballando para conseguir un Estatuto electrointensivo”, recalcou.
Feijóo concluíu recordando que o posicionamento da Xunta é claro: a prioridade son as 330 familias que traballan en Alcoa Coruña, e por extensión, as miles de familias que dependen do futuro Estatuto do prezo da enerxía en Galicia. “A partir de aí, todas as alianzas que sexan necesarias para manter o emprego son alianzas que o Goberno galego quere fortalecer, apoiar e traballar de forma conxunta tanto cos directivos como co comité de empresa”, sentenciou.