Terá lugar o 28 de decembro, no campo municipal de Brión, e terá un formato de triangular no que participarán a SD Brión e a SD Luaña
O Bastavales U.D. organiza o seu 3º Encontro Benéfico, que terá lugar no campo de fútbol municipal de Brión o domingo 28 de decembro e que este ano constará dun triangular entre os equipos Bastavales U.D., S.D. Brión e S.D. Luaña. Unha iniciativa dirixida a recoller alimentos non perecedoiros para a campaña “Brión solidario”, que facilita alimentos ás familias máis necesitadas do municipio.
Por iso non se cobrará entrada, pero para acceder ao campo será preciso doar algún alimento non perecedoiro e correctamente empaquetado: pastas, aceites, conservas, legumes, cereais, leite… A iniciativa comezará ás 16:00 horas cun partido de exhibición da categoría benxamín do Bastavales UD. A partir das 16:30 horas, comezará o triangular entre o Bastavales U.D., S.D. Brión e S.D. Luaña
Colaboración da parroquia
Para facilitar aínda máis a participación veciñal, cinco establecementos hostaleiros da parroquia de Bastavales, e outro de Brión, tamén recollerán alimentos para a campaña “Brión Solidario” durante as dúas próximas semanas. Así, dende hoxe mesmo os veciños e veciñas poden realizar as súas achegas no bar Casa Isorna (San Salvador), no restaurante O Padriño (Sabaxáns), en Casa Botana (Chave da Ponte) ou nos bares Basilea (Chave da Ponte), BBT (A Igrexa) e Gran Sol (A Igrexa). Tamén se recollerán doazóns no bar Paraíso (Avenida de Santa Minia, Brión) e no campo de fútbol municipal de Brión (de luns a venres, a partir das 16:30 horas).
Os alimentos que se recollan durante este partido e durante as dúas próximas semanas serán entregados aos Servizos Sociais do Concello de Brión para colaborar coa campaña de recollida de alimentos “Brión solidario”.