A primeiros de setembro volve o Chanfaina Lab, unha experiencia de creación audiovisual colectiva na que o protagonismo é de San Sadurniño, da súa xente e da súa paisaxe. O proxecto está aberto a todas as persoas que queiran participar gravando unha peza ou axudándolle de distintas maneiras aos equipos que veñen de fóra: colaborando con eles na localización de escenarios, botándolles un cabo na produción e gravación ou incluso poñéndose diante da cámara como protagonistas das súas historias. Esta sexta edición presenta como novidade principal a súa duración, comprendida entre o 3 e o 8 de setembro. Os catro primeiros días están reservados para distintos obradoiros e os dous últimos -o sábado 7 e o domingo 8- para que os equipos se centren na gravación das súas pezas. Ademais, o venres á noitiña tamén poderemos asistir á tradicional Eira de Cineastas -un pase público que escolma fragmentos ou curtas enteiras de cada participante- e o sábado proxectarase na Casa da Cultura o documental “Hamada”, de Eloy Domínguez Serén.
Entre os realizadores e realizadoras que confirmaron asistencia contaremos con Abel Vega, Aldara Pagán, Ana Martínez, Ana Moreiras, Ana Lamas, André Barbé, Ángela Arnosa, Antón Rodríguez, Anxo Santomil, Bieito Beceiro, Carmen Bouza, Carmen Couce, Catalina Rodríguez, Consuelo Picos, Cruz Piñón, Eloy Arnosa, Fran Bermúdez, Fran X. Rodríguez, Graciela Galdo, Iago Lourido, Irene Beceiro, Javier Seoane, Lucia C. Pan, Luis Avilés, Manolo Abad, María Yáñez, Mónica Cibreiro, Noemi Caneiro, Olga López, Pablo Martínez, Roberto Bouza, Sara Alonso e Noelia Uceira. 33 nomes confirmados de aquí e de acolá que acudirán á cita para mostraren outros puntos de vista de San Sadurniño, sexan documentais, ficticios ou experimentais, que han de filmarse entre o sábado 7 e o domingo 8 de setembro.
Porén, o programa do Chanfaina Lab arrancará xa o martes 3 cun obradoiro impartido pola realizadora e por dúas veces chanfaineira Sandra Sánchez, quen falará entre as 16 e as 20.00h. sobre técnicas de montaxe audiovisual. O mércores 4 tocará un obradoiro sobre videoxogos e animación 3D dentro do programa TechKids que desenvolven a AMTEGA e o Colexio profesional de Enxeñaría Informática de Galicia. Esta sesión -dirixida a mocidade de 18 a 25 anos-desenvolverase das 10 ás 14.00h., ao igual que a do xoves 5, cando a rapazada de 12 a 18 anos poderá entrar en contacto coa creación de APP’s para dispositivos Android.
O venres 6 asistiremos a un curso acelerado sobre fotografía 3D impartido polo experto Anxo Santomil -10 a 14.00h.- e, a partir do serán, está previsto darlle a benvida aos creadores e creadoras que participarán no VI Chanfaina Lab facendo a plantación simbólica dunha moreira no arboreto de especies autóctonas da Cortiña. Nese momento tamén se fará a tradicional foto de familia da presente edición. Ás 20.30h. a actividade trasladarase á Casa da Cultura, onde se celebrará a Eira de Cineastas. Trátase dunha proxección aberta ao público composta por anacos de obras dos realizadores e realizadoras participantes, quen comentarán os fragmentos e os trazos principais da súa filmografía.
A seguinte proxección prevista no programa será a do filme “Hamada” -sábado, 20.30h.-, unha longametraxe documental que se achega dun xeito distinto á realidade dos campamentos do Sahara Occidental. Dirixida polo galego Eloy Domínguez Serén, “Hamada” denuncia a situación dun pobo sen estado de seu que, porén, debe afrontar o día a día, algo que o director reflicte a través dos seus tres protagonistas: unha rapaza idealista e moi activa, un mozo que desexa marchar a Europa e, o terceiro, un rapaz que acepta o estado das cousas e que se adapta a el case con resignación. O documental fala do conflicto saharauí sen falar directamente del, senón que bota man do humor, dun son e dunha imaxe moi coidada para traer á actualidade unha realidade que leva case medio século agardando unha solución. O filme de Eloy Domínguez Serén -quen xa participou nuna edición anterior do Chanfaina Lab- está recibindo excelentes críticas e tamén premios. Ademais, esta coprodución entre Suecia, Noruega e Alemaña tamén está colleitando premios, como os dous recibidos no pasado FICXixón.
Días de gravación
Durante o sábado e mailo domingo, os equipos de gravación percorrerán o territorio á procura de historias para contar ou daquelas que xa traen preparadas e que agardan a ser filmadas. Nese labor é moi importante a axuda de persoas e entidades de aquí: facendo de guías, axudando coas localizacións, botando unha man coa produción, etc., e por iso a organización pon o correo agustin.perez@sansadurnino.gal ou o teléfono 616 332 919 para quen queira botar un cabo. Neses mesmos xeitos de contacto tamén se poden facer as inscricións para os obradoiros dos días previos, que son todos gratuítos aínda que con prazas limitadas.