Os asistentes terán a oportunidade de saber como se incorporaron ao documento as súas suxestións e alegacións e poderán resolver as súas dúbidas
O tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, acompañado por membros do equipo redactor do PEPRI e por técnicos municipais, inicia esta tarde unha rolda de reunións informativas cos 14 colectivos que participaron na fase de tramitación do Plan Especial realizando achegas e suxestións a través de diferentes reunións.
Os encontros, que se levarán a cabo dende hoxe e durante os próximos días, se organizaron en función do tipo de asociación: veciños, comerciantes, profesionais e outro tipo de colectivos. En concreto invitouse ás asociacións de veciños de Cidade Vella, Distrito 1, Enseada do Orzán e Asociación de Veciños e Comerciantes de Monte Alto, así como á asociación Soho Orzán, a Área Comercial Obelisco e o Colectivo 15001. Tamén aos colexios oficiais de Arquitectos, Aparelladores, Axentes da Propiedade Inmobiliaria, Decoradores, Enxeñeiros de Camiños Canles e Portos,Aproinco e Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario.
O espírito destas reunións é poder trasladar a estes colectivos, de primeira man, o xeito no que o PEPRI recolleu as súas suxestións e alegacións. Ademais, grazas á presenza do equipo redactor e dos técnicos municipais especialistas nesta materia, a finalidade destes encontros é que todos e cada un dos presentes teña a oportunidade de formular calquera dúbida que poidan ter. Este Goberno local poñerase a disposición destes colectivos por se consideran que é necesaria algún tipo de medida para a mellor e maior divulgación deste documento. Os asistentes poderán coñecer, tamén e en primeira persoa, a proposta de contestación ás distintas alegacións que formularon e que se aprobarán no próximo pleno de xaneiro.
Con esta rolda de reunións, o Goberno local continúa a senda iniciada durante toda a tramitación do documento que destacou polo seu carácter participativo xa que, fronte aos dous meses previstos para formular alegacións, se ampliou este prazo de exposición pública co obxectivo de garantir a máxima transparencia e participación. Ademais, notificóuselles por escrito a máis de 12.000 veciños e comerciantes que figuran na Dirección Xeral do Catastro este período e publicouse no BOP para coñecemento dos mil propietarios e inmobles aos que foi imposible entregar esta notificación no seu domicilio. Organizouse unha mostra divulgativa na casa de Cultura Salvador de Madariaga, expúxose na páxina web do Concello, formouse un equipo de traballo para solucionar as dúbidas dos implicados e celebráronse reunións con colectivos profesionais e asociacións para recoller as súas suxestións. Ademais, recibíronse 1.558 alegacións que foron todas elas informadas (mesmo as máis de 200 que chegaron fóra de prazo) e das que o 95% se admitiron total ou parcialmente.
Dende a Concellaría de Urbanismo quérese subliñar o importante esforzo por tratar de elaborar un documento o máis amplo, flexible e aberto á cidadanía posible co fin de recoller, aclarar e resolver as demandas que máis preocupaban a comerciantes, veciños e profesionais.