A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou hoxe a orde de aprobación definitiva do novo plan xeral, que virá substituír ás normas subsidiarias de planeamento vixentes no concello desde 1996
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou esta mañá a orde de aprobación definitiva do PXOM de Fisterra, un paso co que se pon fin a case 19 anos de tramitación e traballo técnico para sacar adiante o que será o primeiro plan xeral deste municipio coruñés. Trátase, tal e como subliñou a conselleira, dun documento completo e adaptado á normativa urbanística vixente en Galicia, que virá substituír ás normas subsidiarias de planeamento aprobadas en 1996 co fin de garantir un desenvolvemento serio e ordenado do municipio.
Tras asinar a aprobación do novo PXOM xunto ao alcalde, José Marcote, a responsable galega en materia de urbanismo subliñou a importancia do paso dado hoxe para o Concello de Fisterra, xa que o PXOM lle dará un novo marco legal que marcará a evolución do municipio ata o ano 2031, outorgándolle seguridade xurídica desde o punto de vista urbanístico e coherencia coa realidade do seu territorio, cunha superficie de case 30 quilómetros cadrados e unha poboación de 4.700 persoas.
Así e tendo en conta que o 92% do termo municipal está catalogado como solo rústico, Ángeles Vázquez citou entre os principais obxectivos do plan a conservación dos actuais núcleos rurais de poboación, respectando o crecemento que se foi producindo nas contornas das zonas tradicionais; e a preservación dos valores naturais, culturais e patrimoniais que distinguen a este concello, protexéndoos particularmente daqueles usos que poidan degradar, sobre todo, os seus espazos naturais e paisaxísticos.
En sintonía co obxectivo anterior, o novo documento aspira a ser unha ferramenta útil para frear a dispersión edificatoria e consolidar ás áreas xa construídas e os núcleos de poboación existentes. Deste xeito, o PXOM pretende fomentar o desenvolvemento arredor das áreas xa consolidadas, sempre cun criterio realista e acorde coas previsións de crecemento de Fisterra. O que se busca deste xeito, explicou a conselleira, é “favorecer un crecemento harmónico e evitar desenvolvementos anárquicos e dispersos”.
Estes obxectivos complementaranse a nivel urbano coa conservación do patrimonio xa construído, de xeito que se aposta pola rehabilitación e a recuperación de espazos urbanos relevantes, de elementos arquitectónicos singulares e das tramas tradicionais existentes no casco histórico. Así mesmo, tamén se prevé completar as estruturas urbanas de Sardiñeiro e A Anchoa, cuxo crecemento deu lugar á formación de bolsas de solo vacante.
Grazas á súa nova ordenación urbanística, o concello tamén aspira a resolver algunhas carencias desde o punto de vista dotacional. Para iso, prevé que en todas as zonas de novo desenvolvemento urbanístico deberanse reservar espazos destinados a zona verde, equipamentos, aparcadoiros e demais servizos públicos. Por último, en materia residencial, o PXOM prevé un crecemento máximo durante os próximos anos de 1.531 vivendas novas.
Por todo isto, a conselleira de Medio Ambiente quixo poñer en valor o traballo, implicación e recursos mobilizados nas case dúas décadas durante as que se prolongou a tramitación deste plan, o primeiro co que conta o municipio. Neste sentido, tamén se referiu á contribución realizada pola Xunta, cunha achega de 111.125 euros para redactar o PXOM, e que traballa “man a man” cos concellos para impulsar un urbanismo responsable en Galicia.
Máis dun cento de concellos co PXOM aprobado
Coa aprobación definitiva do PXOM de Fisterra son xa 104 os concellos que contan cun planeamento adaptado e acorde ao marco urbanístico vixente en Galicia. Así mesmo, cómpre precisar que 74 destes plans foron aprobados polo actual Goberno galego e 16 deles só no que vai da presente lexislatura, que comezou no ano 2016.
Por último, Ángeles Vázquez lembrou que o traballo desenvolvido pola Xunta nos últimos 10 anos en materia de urbanismo ten coma obxectivo final que non haxa ningún concello en Galicia sen PXOM. Neste sentido, referiuse á aprobación da Lei do Solo no ano 2016 e do regulamento que a desenvolve; á posta en marcha do Plan Básico Autonómico en outubro de 2018 e aos futuros Plans Básicos Municipais para concellos de menos de 5.000 habitantes, que empezarán a redactarse este ano; ou ao impulso á nova Lei de Ordenación do Territorio, un texto que, previsiblemente, entrará no Parlamento a finais de 2019.