Un total de 25 persoas participan esta semana nos Cursos de Verán impartidos pola Asociación Cultural O Son do Pote. A iniciativa, desenvolvida en colaboración coa Concellaría de Cultura, comprende a realización de dúas accións formativas que teñen as súas prazas completas.
O alumnado protagonizará o vindeiro xoves 8 de agosto a xornada de clausura, que se desenvolverá nas instalacións da Casa da Cultura de Lousame ás 20.00 horas. Dende o Concello animan á veciñanza a asistiren a esta actividade, xa que as persoas participantes nestes cursos ofrecerán a interpretación das pezas ensaiadas nas xornadas formativas.
A primeira das accións ofertadas é un Curso de Percusión Tradicional por Lectura de Partituras (iniciación). Tivo lugar o 30 de xullo entre as 19.30 e as 22.30 horas na Casa da Cultura de Lousame. As persoas asistentes aprenderon, entre outros conceptos, ritmos e patróns básicos, comprensión e interpretación dunha particella e montaxe de pezas.
Por outra banda, a A.C. O Son do Pote e o Concello de Lousame ofertan outra acción formativa. Trátase dun Curso de Afinación da Gaita Galega (iniciación). Neste caso, as sesións desenvólvense hoxe venres 2 de agosto de 19.30 a 22.30 horas na Casa da Cultura de Lousame. Neste caso, impartiranse coñecementos sobre afinación do instrumento, comprensión do afinador dixital, afinación con outros instrumentos e montaxe de pezas.