Antoloxía debuxada II retoma a colaboración dos 4 artistas en 2006
O Centro Cultural Lustres Rivas alberga unha nova exposición: “Antoloxía Debuxada II”, que reúne nunha mesma sala preto de corenta creacións de catro dos artistas locais máis nomeados do concello: Xerardo Crusat, Xoán Fernández, Antonio Pérez e Maralla.
A mostra dá continuidade a unha primeira parte que se celebrou coa colaboración do Concello no Auditorio de Riveira no ano 2006. Agora, quen acuda ao Lustres Rivas poderá ver outra escolma formada por obras das máis variadas técnicas:¡: dende gravados ata debuxos pasando por acuarelas, pasteis ou tintas chinesas.
Despois dunha apertura musical a cargo das cantareiras da Asociación Amas de Casa, o acto foi presentado pola concelleira de Cultura, María Sampedro, quen salientou que esta exposición é unha “mostra de catro traxectorias brillantes no mundo da arte”. A continuación interviu Xerardo Crusat, quen falou no nome dos catro artistas para agradecer a oportunidade de aportar “este grao de area para aumentar a oferta cultural no noso municipio”.
O escritor Antonio Piñeiro interviu a continuación debullando unha pequena semblanza das virtudes de cada un dos protagonistas. Pechou o acto o alcalde Manuel Ruiz, quen salientou que “no mundo da pintura Riveira está no top do que en Galicia se pode ver” e froito delo temos a oportunidade de contemplar “unha exposición de primeiro nivel”.
A mostra exhibirase ata o 27 de agosto.