Esta actuación se enmarca na estratexia da Xunta para ter eliminados en 2020 todos os “puntos negros” das estradas de titularidade autonómica, e os traballos se prevén iniciar no mes de outubro
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, vén de adxudicar a execución das obras para a eliminación dun treito de concentración de accidentes na estrada AC-164, ao seu paso polo Concello de Bergondo, por un investimento de case 280.000 euros.
Estes traballos foron adxudicados á empresa Construcciones Ponciano Nieto, S.L. e o seu inicio prevese para a mes de outubro. As obras teñen un prazo de execución de 4 meses, desde o seu inicio.
O proxecto está enmarcado na estratexia da Xunta para ter eliminados en 2020 todos os treitos de concentración de accidentes das estradas de titularidade autonómica. E as obras desenvolveranse no tramo comprendido entre o punto quilométrico 3+000, na intersección coa estrada local a San Isidro, e o punto quilométrico 4+000, na glorieta dos Condes.
A principal actuación consiste na execución dunha glorieta na intersección do punto quilométrico 3 coa estrada a San Isidro. Os seus obxectivos son habilitar un punto no que realizar xiros e cambios de sentido con seguridade, e calmar o tráfico no tramo de actuación.
Tamén se levará a cabo a reforma de interseccións, con actuacións coma a execución de cuñas de cambio de velocidade para facilitar as saídas da estrada ou ás incorporacións a ela; ademais limitaranse os xiros á esquerda, que deberán de realizarse na nova glorieta.
Ademais, as obras incluirán a mellora do paso de peóns existente no acceso á Casa do Concello mediante o reforzo de sinais luminosas de paso de peóns e a ampliación nesta zona das beirarrúas para impedir de xeito efectivo o aparcamento nos 10 metros anteriores e facilitar así a súa visibilidade. Tamén se limitará a velocidade no treito.