Friday 22 de November de 2024

O Buque de Salvamento Sar Gavia participará na procesión marítima do Carme e ofrecerá visitas guiadas en horario de mañá


 

Ante a celebración no día de mañá da tradicional Procesión Marítima na honra da Virxe do Carme (con misa ás 18.30 horas na nova lonxa cantada pola Coral do Círculo Mercantil e Industrial de Riveira e posterior embarque das imáxenes da patroa e de San Pedro no Boteira Primero), vai recalar no peirao de Santa Uxía o buque de salvamento SAR Gavia para participar na comitiva acuática.

Con tal motivo, en horario de mañá vanse celebrar visitas guiadas gratuítas para que todos os que o desexen poidan coñecer as interioridades deste remolcador de 39,7 metros de eslora. Terán lugar de 9.30 a 13.30 horas e por razóns de seguridade (o buque estará atracado no peirao comercial) para poder acceder hai que tomar un microbús que estará emprazado diante da barreira.

Fogos artificiais
Por outra parte, cómpre informar tamén de que a plataforma flotante para o lanzamento dos fogos artificiais do domingo de festas cambia de ubicación. En lugar de estar ubicada á altura da nova lonxa estará fronte á casa do mar, obedecendo a razóns de seguridade. Deste xeito, os lugares máis acaídos para a súa contemplación estará conformado polo entorno do miradoiro do Malecón, paseo do Touro, praza Pedra Pateira e acceso ao peirao comercial.

Por outra parte, o inicio do espectáculo pirotécnico adíase quince minutos sobre a hora inicialmente prevista (ata as 00.15 horas) para que os asistentes ao concerto previo de Miradoiro na praza de España poidan dispoñer de tempo para desprazarse unha vez conclúa a actuación.

Inchables e xogos tradicionais
En canto á programación de hoxe, centos de cativos están a disfrutar do parque de inchables e dos xogos tradicionais habilitados na praza do Concello de Riveira. Esta proposta infantil terá o seu corolario ás 20.30 horas na festa da escuma.

Pola noite (ás 21 horas) o paseo do Malecón será o epicentro dunha gran verbena a cargo da orquestra Televisión mentres que o famoso grupo Maldita Nerea efectuará un concerto á medianoite na praza de España (organizado polo Concello coa colaboración de Frinsa).

Para concluír, a orquestra riveirense Platinum efectuará unha actuación dende ás 00.30 horas no parque García Bayón.