Na xornada explicarase tanto as actividades que se realizan nos centros da rede autonómica como os trámites para poder acceder a unha praza
A Xunta de Galicia celebrará o vindeiro mércores 7 de agosto, en colaboración co concello de Miño, unha xornada de portas abertas no novo centro de día de Miño. O obxectivo é dar a coñecer tanto á veciñanza como ás entidades e asociacións da comarca as instalacións e o modelo de funcionamento deste centro que xestiona a consellería de Política Social a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
O centro entrou en funcionamento o pasado mes de maio, despois de que a conselleira de Política Social, Fabiola García, asinara co concello de Miño o convenio de colaboración para a xestión e cofinanciamento do centro. Este equipamento inclúese na rede pública de atención ás persoas maiores da Xunta de Galicia que xestiona o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
O obxectivo da xornada, que dará comezo ás 20 horas do vindeiro mércores, é dar a coñecer o modelo de xestión e funcionamento do centro, trasladar aos asistentes as actividades que se realizan nos centros da rede do Consorcio e informar dos trámites necesarios para poder acadar unha praza neste equipamento.
Este centro para os maiores de Miño e da súa contorna dispón de 360 metros cadrados repartidos entre planta baixa e primeira planta. Conta con comedor, sala de rehabilitación, sala de enfermería e curas, e sala polivalente para diversas actividades. Esta última dispón ademais cunha parte de galería. O centro dispón dunha capacidade máxima de 30 prazas.