Friday 22 de November de 2024

Os ‘Xoves de Praia’ do Concello de Frades proseguen durante todo o mes de agosto


 

O Concello de Frades iniciou onte as súas saídas do programa ‘Xoves de Praia’ correspondentes ao mes de agosto. Unha media superior ás cincuenta persoas participan en cada un destes desprazamentos ao areal de Boiro. Son sobre todo persoas maiores acompañados por netos e netas, que aproveitan as vacacións escolares para pasar unha xornada lúdica en familia e con outra veciñanza.

As próximas saídas están programadas para os xoves 8, 22 e 29 de agosto. A que correspondería ao xoves 15, festivo, adiántase ao martes 13. O destino de Boiro pode ser modificado por unha praia de condicións semellantes, tranquila e con espazos de sombra, en función da meteoroloxía.

As persoas que desexen participar poden reservar praza como moi tarde ata o martes anterior á viaxe. O prezo é de sete euros por día ou de trinta euros por mes completo. Os nenos e nenas de ata doce anos pagan cinco euros. Teñen preferencia de participación as persoas empadroadas. O custo para xente de fóra do municipio é de dez euros por saída e corenta o mes completo.

As viaxes realízanse en autobús. O vehículo percorre as distintas parroquias do municipio para facilitar a asistencia e evitar desprazamentos innecesarios en coches particulares.