Conclúe o proxecto, que contou cun orzamento de 131.000 euros
A Deputación da Coruña está a piques de finalizar os traballos de mellora da seguridade viaria no cruce da estrada DP-1201 (de Rodiño a Codeso) coa pista municipal do Forte. O vial conta xa cunha nova intersección que garante a visibilidade para os condutores e viandantes a través dunha actuación que supuxo un investimento de 131.000 euros.
“Grazas a estes traballos acadaremos unha importante mellora da seguridade viaria nun cruce polo que transitan a diario numerosos vehículos. Trátase dunha zona cunha alta densidade de tráfico e que precisaba esta reforma de xeito urxente”, indica Fernández Munín, quen se amosou moi satisfeito por contar con esta nova e máis segura intersección.
Os traballos leváronse a cabo nun tramo de algo máis de 200 metros da estrada DP-1201, e máis concretamente entre os puntos quilométricos 2+100 e 2+360. Neles levouse a cabo a execución dun novo enlace coa estrada municipal do Forte e a anulación de dous tramos en desuso da estrada provincial.
Para paliar a falta de visibilidade por mor cunha curva e un cambio de rasante nesta zona, habilitáronse un carril de aceleración en dirección Rodiño e outro de deceleración en dirección Codeso, que facilitan o acceso a este cruce. Os traballos complétanse coa habilitación da rede para a recollida de augas pluviais, canalizacións e cunetas, ademais da pertinente sinalización vertical e horizontal, así como os elementos precisos para a defensa e balizamento da estrada.