Friday 22 de November de 2024

O Concello comprométese á protección das especies autóctonas da contorna da Torre de Hércules


 

Esther Fontán asegurou que, unha vez a zona estea aprobada como espazo natural de interés local (ENIL), “estamos obrigados a protexer todas as especies autóctonas” dentro do Plan de Autoprotección da Torre de Hércules.

A concelleira de Medio Ambiente e Sostenibilidade, Esther Fontán, e a súa homóloga de Turismo, Diana Cabanas, visitaron esta mañá a Torre de Hércules e a súa contorna con motivo da clausura da exposición fotográfica “O patrimonio natural da contorna da Torre de Hércules”, que recolle algunhas das especies máis representativas da paisaxe e pon en valor a zona natural.

Na súa visita, ambas as dúas estiveron co representante do grupo naturalista Hábitat e da propia exposición, Andrés Pereira, quen lles amosou o traballo realizado polos voluntarios na zona para a conservación das especies autóctonas da fauna e a flora.

Pereira mostroulles con todo luxo de detalles cales son as especies máis propias da contorna natural e paisaxística da construcción milenaria: “desde a largarta galega máis típica ata os paxaros que aniñan nas árbores e flores preciosas moi pouco coñecidas”, añadiu a edil de Medio Ambiente.

A clausura desta mostra dá entrada á exposición de carteis de “Viñetas desde o Atlántico” que comeza mañá e, que como todos os anos, instalarase no mesmo lugar, dando un papel destacado á Torre de Hércules.