Os representantes municipais destacan a mellora das posibilidades de acceso ao mercado laboral que esta iniciativa mixta de formación e emprego supón para as persoas participantes
Este mediodía foi clausurado o obradoiro de emprego promovido en conxunto polos Concellos de Lousame, Noia e Outes. As vinte persoas que participaron como alumnas-traballadoras nesta iniciativa mixta de formación e emprego recibiron os seus diplomas da man do alcalde de Outes, Manuel González; da concelleira de Educación, Parques e Xardíns de Noia, Mariola López; e do concelleiro de Obras de Lousame, Ramón Martínez.
O obradoiro, que se desenvolveu durante nove meses, estivo integrado por seis participantes de Lousame, sete de Noia e outros sete de Outes. Formáronse na especialidade de aproveitamentos forestais. O equipo directivo e docente estivo conformado por un director, dous mestres da especialidade, un mestre de ensino básico, un mestre de formación en orientación laboral e autoemprego e un administrativo.
A parte teórica complementouse coa realización de traballos de aproveitamento forestal e conservación e mellora de montes en diversos terreos dos tres municipios, de xeito que o obradoiro viu cumprido tamén o seu cometido de desenvolver tarefas positivas para a comunidade. Do mesmo xeito, tiveron a oportunidade de efectuar prácticas en empresas da zona.
Os tres cargos políticos locais felicitaron aos integrantes do obradoiro polo seu desenvolvemento e destacaron que suporá unha mellora nas súas posibilidades de acceso ao mercado laboral, posto que este tipo de iniciativas están dirixidas a persoas maiores de idade en situación de desemprego. Coa nova capacitación adquirida terán máis opcións de traballo precisamente nun dos sectores económicos que máis emprego está creando nos últimos anos.