Na sesión, prevista para as 19.30h., aprobaranse os festivos locais e un paquete de obras na rede viaria por valor de 49.000€
O Concello retomará no serán deste xoves -19.30h.- o seu pulso habitual coa celebración do primeiro pleno ordinario do mandato corporativo 2019-2023. Os anteriores encontros tralas eleccións foron para tomar posesión e para a organización do consistorio, polo que a sesión pode considerarse a primeira con contido executivo. A orde do día está composta por nove puntos, entre os que destacan a votación dos festivos locais para 2020, a solicitude de compatibilidade presentada por un traballador municipal, a modificación do regulamento e da ordenanza do Centro Municipal de Empresas e, como último asunto para deliberación e acordo, o expediente da segunda fase do POS+ Adicional da Deputación da Coruña, que suporá un novo paquete viario -a maiores dos xa confirmados no Plan Complementario- de algo máis de 49.000 euros. O pleno, ao ser de carácter ordinario, tamén inclúe apartado de rogos e preguntas.
Empecemos polo final. Tal e como informamos nunha nota aló polo 14 de maio, unha das primeiras decisións executivas que tería que tomar a corporación entrante tralos comicios municipais sería a aprobación dun proxecto co que encher a segunda fase do POS+ Adicional da Deputación da Coruña, por un importe próximo aos 50.000 euros. E así será na tarde deste xoves, cando se someterá á votación un proxecto que prevé a pavimentación dos camiños entre A Laxe e O Couto -en Lamas-, o da Castiñeira -Ferreira- e os da Penavidreira e Fontao-Pereiras, en Naraío, que en conxunto veñen sumar outros 2,3 quilómetros ao programa anual de mantemento de vías municipais. Polo tanto, o saldo deste 2019 entre POS+, PAI e Plan de Camiños da AGADER superará os 21 quilómetros de pistas reparadas.
Se continuamos desfacendo en orde inversa a relación de asuntos plenarios, atoparemos que no 6º e 5º lugar van dous referidos á xestión do Centro Municipal de Empresas. Neste sentido, o executivo local proporá modificar o regulamento do centro para abrir a posibilidade de que os locais sexan compartidos por dúas ou máis entidades, ampliando desta maneira a capacidade efectiva das instalacións e contribuíndo a diversificar a oferta de servizos, que neste momento xa dispón de asesoramento legal, construción, electricidade, fontanaría, peritaxe e medición de fincas, logopedia, drons, transportes e fotografía e audiovisual.
Este é o principal cambio no articulado, que tamén se traslada á ordenanza fiscal reguladora das taxas introducindo un prezo de 15€ -a maiores do que deban pagar solidariamente por metro cadrado- para aquelas empresas que opten por compartir oficina. Iso si, no momento que a adxudicataria inicial abandone o local, tamén o terá que facer aquela que estea usando o espazo canda ela.
Os catro primeiros temas que se tratarán no pleno son, por esta orde, a aprobación -se procede- da acta da sesión anterior, a información sobre as resolucións da alcaldía, a solicitude de autorización para realizar actividades privadas presentada por un traballador municipal e a votación da proposta da alcaldía dos festivos locais para o ano que vén: o 25 de febreiro -Martes de Entroido- e o 2 de xullo, Santa Isabel.
Cabe agardar que estes non sexan os únicos temas sobre os que se debata durante o serán deste xoves, posto que ao ser pleno ordinario tamén haberá a quenda para os rogos e as preguntas que habitualmente ocupan boa parte da sesión. O pleno é público e seu audio íntegro estará dispoñible en internet pouco despois de que finalice.