A concelleira Diana Cabanas e o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de A Coruña, Héctor Cañete, mantiveron esta mañá un encontro no que abordaron a posibilidade de crear unha marca gastronómica coruñesa
A concelleira de Turismo, Diana Cabanas, mantivo esta mañá unha reunión en María Pita co presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de A Coruña, Héctor Cañete, na que abordaron varios temas de interese para o sector de servizos. No encontro, analizaron as principais problemáticas do colectivo e as posibles solucións para reavivalo.
Deste encontro saíron ideas como a de potenciar o Camiño Inglés como foco de atracción a unha cidade para a que pensaron unha marca gastronómica, que lle dea un impulso á hostalería coruñesa.
A concelleira comprometeuse a visitar a Escola de Hostelería Álvaro Cunqueiro e a sede da asociación nas vindeiras semanas para coñecer as instalacións de primeira man e manter así unha comunicación fluída co responsable da entidade.
Por outra parte, Cabanas e Cañete trataron cuestións como a ordenanza de terrazas e a actual precariedade na que se atopan os que traballan no mundo hosteleiro. Desde a concellaría, a intención é a de estar en permanente contacto coa Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Coruña para atender as súas demandas na medida do posible.