Os importes buscan o mantemento das agrupacións de mulleres e a promoción de accións en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero
A Xunta de Galicia repartirá este ano en axudas a asociacións de mulleres 480.000 euros, unha ampliación de 300.000 euros con respecto o ano pasado, debido á achega do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Neste marco de actuación, a Vicepresidencia, Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza considera necesario contribuír a impulsar e a dinamizar a vida interna das asociacións de mulleres como elemento clave do cambio de valores e da transformación necesaria para avanzar na igualdade real. Na comarca de Ferrolterra recibirán estas achegas 2 entidades, ACC Familiar Ferrol e Arume cunha achega total de preto de 5.000 euros. No total da provincia, a Xunta apoiará a 19 entidades cun orzamento que supera os 80.000 euros.
Nesta actuación establécense dúas liñas de axuda, unha dirixida ao financiamento dos gastos correntes de mantemento e funcionamento das asociacións e federacións de mulleres e outra para o apoio ao desenvolvemento de actuacións ou actividades de sensibilización e concienciación social e de prevención e acompañamento das vítimas da violencia de xénero.
No primeiro apartado, o importe da convocatoria é de 180.000 euros e a contía máxima da axuda desta liña é 4.000 euros (o ano pasado foron 3.000). Na segunda liña de axudas, o importe da convocatoria é de 300.000 euros e a contía máxima da axuda desta liña é 8.000 euros (o ano pasado foron 3.000).
Máis en particular, a segunda liña de actuación promove a promoción de actuacións e actividades singularizadas en materia de igualdade, de prevención da violencia de xénero e de acompañamento das vítimas, con especial incidencia nas mulleres rurais, mulleres maiores e/ou mulleres en situación de vulnerabilidade. Sempre serán actuacións dirixidas a promover o cambio de valores e a corresponsabilidade, na sociedade en xeral, coa finalidade de potenciar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, así como para previr e erradicar a violencia de xénero. Ademais, actividades de información e formativas destinadas a impulsar e promover a motivación, o empoderamento e o liderado das mulleres, así como a participación das mulleres no ámbito público, social, económico e cultural.