Friday 22 de November de 2024

Feijóo reitéralle á ministra de Hacienda a necesidade de que o Goberno central transfira a galicia os 700 millóns de euros que adebeda o Goberno central


Trasládalle que o actual é un escenario sen precedentes na historia da financiación autonómica, polo que agarda que haxa unha solución o antes posible
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reiteroulle hoxe á ministra de Hacienda, María Jesús Montero, a necesidade de que o Goberno central atope unha solución para transferir a Galicia os 700 millóns de euros que lle adebeda á Comunidade Autónoma.

Fíxoo durante a presentación do Anuario 2019 elaborado polo Foro Económico de Galicia, un acto onde tamén estivo presente a ministra María Jesús Montero. Feijóo trasladoulle que o actual é un escenario “sen precedentes” na historia da financiación autonómica, polo que agarda que haxa unha solución “o antes posible”. Porque “é xusto” –sinalou-, e tamén porque as Comunidades son imprescindibles para manter os servizos públicos e teñen un papel fundamental para consolidar o crecemento económico de España.

O titular do Goberno galego incidiu en que é imprescindible que o Goberno de España sexa capaz de actualizar os pagos pendentes ás Comunidades para que Galicia poida aprobar os seus Orzamentos. Así, lembrou que é unha das poucas Comunidades que sempre foi capaz de aprobalos ano a ano, en tempo en forma. Pero neste momento, valorou, a inestabilidade política en España, cun Goberno en funcións, dificulta a aprobación das contas públicas para 2020, tanto para o Goberno central como para as Comunidades Autónomas.

Non obstante, Feijóo trasladoulle á ministra que Galicia “vai facer o posible” para ter Orzamentos e aseguroulle que nestes momentos de incerteza política a Comunidade vai intentar “achegar certezas e favorecer o crecemento económico”.

O presidente destacou que a aprobación dos orzamentos é precisamente un dos compromisos da Xunta fronte estas incertezas actuais, como son a citada inestabilidade política en España, a desaceleración en Europa, os efectos do Brexit ou a tensión comercial entre os Estados Unidos e a China.

Con este horizonte, quixo deixar claro que a Xunta “non quedará cos brazos cruzados” e resumiu a responsabilidade e o deber do Goberno galego en tres grandes compromisos, o citado de aprobar os orzamentos e dous máis: seguir cumprindo as regras fiscais e seguir traballando na planificación estratéxica.

Nesta liña, o presidente da Xunta recordou que os datos de Galicia confirman que é posible compatibilizar o crecemento económico co cumprimento das regras fiscais. Así, expúxolle á ministra que pode seguir contando con Galicia, porque Galicia quere seguir sendo a comunidade de referencia no cumprimento de débeda, o límite de débeda, a regra de gasto ou o pagamento a provedores. “Queremos seguir achegando solvencia e credibilidade ao conxunto de España”, subliñou.

A continuación, incidiu en que a nosa Comunidade seguirá traballando no eido da planificación. Sobre isto, explicou que fronte ás improvisacións, Galicia apostou pola planificación estratéxica, neste momento exemplificada nos traballos xa iniciados do vindeiro Plan 2020-2030. Trátase dun plan no que estarán recollidos os obxectivos de futuro, sempre sobre catro eixos fundamentais: unha Galicia moza, familiar, innovadora e verde. De feito, tal e como subliñou, Galicia é a única Comunidade que leva unha década sometendo o progreso e crecemento á planificación estratéxica.

No acto celebrado hoxe, o titular do Executivo autonómico afirmou que coincide plenamente coas conclusións que ten exposto o Foro Económico de Galicia: 2018 foi un bo ano para a economía galega, pero neste 2019 Galicia está a afrontar máis incertezas –como as xa citadas-, coas repercusións que isto ten sobre a economía e coa preocupación de que esas non diminúan, senón que medren.

Feijóo salientou que o ano pasado Galicia volveu crecer máis que o conxunto de España –un 2,8% fronte a un 2,6%-; volveu crear emprego con moita forza –en termos de PIB, creáronse 19.000 empregos a tempo completo-; e acadou o maior nivel de converxencia coa media española da súa historia –chegou ao 90,1% da renda española-.

Ademais, resaltou o acadado durante todos os anos de recuperación e de crecemento. Galicia é a Comunidade onde máis medrou o PIB per cápita e onde máis medrou a renda dispoñible desde 2008. Ademais, a taxa de paro actual do 11,3% é a máis baixa desde o mesmo ano.

A continuación, o presidente da Xunta analizou que en 2019 o escenario está a mudar e, dentro dun contexto de crecemento, estase a vivir unha fase de desaceleración. Sobre isto opinou que “sería un erro moi grave caer no alarmismo”, tendo en conta os datos de que a economía galega segue medrando por riba do que medran todas as principais potencias de Europa; que ese crecemento inclúe datos moi positivos, como o forte incremento da formación de brutal de capital; ou que a taxa de paro é a máis baixa da última década, con 34.600 parados menos que hai un ano.

Aínda así, tamén enfatizou que sería tamén un erro caer na autocompracencia, e sinalou que á Xunta, máis alá das incertezas alleas, tamén lle preocupan o comportamento que tiveron varios indicadores económicos neste primeiro semestre en Galicia. Principalmente son dous: o comportamento do sector industrial e o descenso das exportacións de bens e servizos.

Feijóo concluíu agradecendo ao Foro Económico de Galicia o seu intenso traballo na elaboración deste Anuario 2019, e destacou esta entidade pola súa solidez asegurando que un país que ten un foro económico sólido é un país que se pode construír solidamente.