Friday 22 de November de 2024

Medio Ambiente destinará 150.000 euros a actualizar e revisar o Plan Especial do Casco Histórico de Betanzos aprobado en 1992


A conselleira Ángeles Vázquez e a rexedora María Barral asinaron esta mañá o convenio polo que a Xunta asume o 100% dos custos de redacción do documento
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda aportará 150.000 euros de aquí ao ano 2022 para levar a cabo a revisión do Plan Especial de Protección e Ordenación do Casco Histórico (Pepoch) de Betanzos, aprobado en 1992 e que tras case tres décadas vixente necesita adaptarse ao marco normativo actual. Así o comprometeu esta mañá a conselleira Ángeles Vázquez mediante a sinatura dun convenio de colaboración coa alcaldesa de Betanzos, María Barral.

Cómpre lembrar que a mediados de xullo, o Consello da Xunta autorizou este acordo de colaboración, en virtude do cal a Consellería asume o financiamento do 100% do custo dos traballos de revisión e actualización do Pepoch, un paso que o concello estaba obrigado a dar tras a aprobación da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia de 2016.

Neste sentido, Ángeles Vázquez lembrou que a finalidade deste tipo de plans especiais é estudar os espazos que se localizan dentro dun determinado casco histórico para garantir que teñan un futuro, permanezan activos, ofrezan servizos e revitalicen as cidades e vilas nas que se atopan, coa posibilidade de definir novos usos e conservar todo aquelo que defina o propio plan.

Precisamente, Betanzos foi no seu momento un “concello pioneiro” á hora de dotarse dun dos primeiros Pepoch de Galicia e grazas ao convenio asinado hoxe, como indicou a conselleira, “contará o antes posible cun plan especial do casco histórico adaptado á súa realidade e ás súas necesidades”.

A través desta vía de colaboración co Concello de Betanzos, como indicou a conselleira, a Xunta asume o seu compromiso de avanzar cara a un urbanismo responsable e dotar ao municipio dun casco histórico ordenado. Para iso, a Consellería aportará o financiamento necesario para que Betanzos e tamén a curto prazo o Concello de Corcubión, poidan adaptar os plans especiais dos seus cascos históricos ás normativas vixentes en materia de ordenación do territorio, o urbanismo sustentable e a protección do patrimonio arquitectónico e cultural.

Por iso, Vázquez Mejuto enmarcou a axuda económica da Xunta para a revisión do Pepoch de Betanzos na súa aposta para garantir que os concellos conten con documentos de planeamento e ordenación do territorio que estean totalmente adaptados á lexislación en vigor, e lembrou que no ano 2010 convocou por primeira vez axudas específicas para a protección de zonas históricas en municipios de menos de 5.000 habitantes.