O IES de Brión vén de gañar o Premio ao Mellor Videoclip na categoría de 1º ciclo da ESO no eMove Festival. Este Festival Escolar e Universitario das Artes Audiovisuais está impulsado pola Federación de Academias e Productoras e nel competiron centros educativos de toda España. Dende a organización deste certame salientaron “o alto nivel de calidade audiovisual das pezas participantes. Un gran traballo o dos estudantes que participaron, que fixeron que a tarefa de elixir os gañadores sexa máis complicada ca nunca”.
O IES de Brión recibirá este galardón o vindeiro 19 de outubro en Kinépolis (Madrid). Un novo recoñecemento ao traballo realizado por un total de 13 alumnos e alumnas de Educación Secundaria deste centro educativo dirixidos pola profesora Ana Cadenas. “Recibimos o premio polo videoclip Mais eu non son eu –na súa versión en inglés-; unha produción que foi creada enteiramente polo estudantado. Foi un traballo feito con moitísima dedicación e que os rapaces e rapazas crearon con absoluta liberdade”.
O videoclip Mais eu non son eu presenta “unha canción de amor baseada nun poema que os e as estudantes participantes crearon e musicalizaron”. Con esa base elaborouse un completo vídeo protagonizado por eles e elas mesmos, coa colaboración de Ana Cadenas e de familiares e amizades.
Este mesmo traballo tamén recibiu outros recoñecementos, como o do Premio especial Olloboi Zamburrioi do Festival Olloboi. O videoclip tamén quedou finalista no Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu.