Varios centos de persoas celebraron na piscina municipal de Frades o Día do Neno e da Nena, organizado polo Concello. Algunhas das principais atraccións da festa foron os xogos inchables acuáticos colocados na piscina e tamén os inchables terrestres, así como as sesións de xogos populares e a piscina de patiños.
A media tarde tivo un amplo seguimento o espectáculo de maxia e animación musical con Bob Esponxa e o Mago Píter, que actuaron na zona verde do recinto da piscina. Despois repuxeron forzas cunha merenda e para o remate da xornada aínda quedaba unha considerable dose de diversión coa lanzadeira de escuma.