Visitaron as minas de San Finx, polo que foi un percorrido moi útil para coñecer o patrimonio natural, industrial e histórico de Lousame
Un total de 27 persoas participaron este domingo na ruta de sendeirismo polo Río Vilacoba, organizada por Galicia Senderismo en colaboración co Concello de Lousame. Tratouse dun percorrido especial, de quince quilómetros de longo, algo menos do habitual para adaptalo ao tempo estival con máis zonas de sombra e evitando pendentes de subida. Os visitantes procedían tanto do municipio como da contorna, así como de diversas partes de Galicia e tamén doutras zonas de España.
O punto da saída a pé foi o mosteiro de San Xusto de Toxosoutos. A partir de aí avanzaron dous quilómetros en ascensión ao Monte Culou, con vistas á ría de Muros e Noia. Logo baixaron catro quilómetros ata a Ponte Vella do río Vilacoba. Seguindo o cauce tiveron ocasión de ver as distintas fervenzas antes de chegar á Ponte Gaiteira. Iso permitiulles descubrir enxeños hidráulicos de aproveitamento ecolóxico da auga, como canles, muíños ou papeleiras.
Ao rematar, os sendeiristas desprazáronse ata as Minas de San Finx para participar nunha visita guiada polo seu museo. Mayte Sobradelo, guía, explicoulles a relevancia histórica desta industria, mentres que Néstor Romero, técnico municipal de Deportes, encargouse de guiar a ruta sendeirista.
Seguinte saída, o 18 de agosto
A seguinte saída por este mesmo itinerario está programada para o domingo 18 de agosto. O prezo da ruta é de 12 euros e inclúe o bus de traslado a Toxosoutos e seguros. As inscricións poden facerse a través de www.galiciasenderismo.com. O número de prazas é limitado.