A cita desenvolverase do 27 de setembro ao 5 de decembro
A concelleira de Cultura, María Sampedro, presentou esta mañá no Centro Cultural Lustres Rivas a programación máis completa da Mostra de Teatro de Riveira da última década: en total serán once as representacións que, entre o 27 de setembro e o 5 de decembro, terán lugar cada venres no Auditorio Municipal a partir das 21.30 horas.
O Executivo Local prosegue a andaina iniciada o pasado ano facilitando que as persoas interesadas poidan, mercando un bono, reservar unha cadeira para toda a programación. Os bonos terán un custe de 25€ (2,27€ por función) e poderán adquirirse do 5 de agosto ao 6 de setembro. O desexo do Goberno é superar neste ano os 200 bonos fronte aos 171 expedidos no 2018. Hai 270 cadeiras dispoñibles.
Ademais, haberá entradas individuais cun prezo de 4€ por función que se poderán comprar na mesma semana de cada espectáculo (o que si cambia respecto ao ano pasado é que para as butacas sobrantes non estará permitido o acceso gratuíto).
Para facerse tanto cun bono como cunha entrada individual, cómpre acudir á Oficina de Atención Cidadá na Casa do Concello, de 9.30 a 13 horas, de luns a venres, onde a operación se fará mediante tarxeta bancaria.
Respecto ao calendario de eventos, María Sampedro destacou a gran calidade das compañías que se subirán ás táboas do Auditorio e das obras representadas, todas elas nominadas nos premios Mestre Mateo e tres delas galardoadas. Ademais, salientou que unha actriz riveirense, Susana Sampedro, forma parte do elenco que recalará aquí o 4 de outubro para a posta en escena da obra “Idiota”.
A programación completa é a seguinte:
o 27 de setembro.- Sarabela Teatro: “Normas para saber vivir na sociedade actual”.
o 4 de outubro.- Redrum Producións: “Idiota”.
o 11 de outubro.- Malasombra: “Bernarda”.
o 18 de outubro.- Ibuprofeno Teatro: “Casa O’ Rei”.
o 25 de outubro.- Dinamo Producións: “Eu queríame casare”.
o 1 de novembro.- Redrum Producións: “Invisibles”.
o 8 de novembro.- Producións Teatrais Talía: “Vida de cans”.
o 15 de novembro.- Contraproducións: “A compañeira de piso”.
o 22 de novembro.- Producións Excéntricas: “Carpe diem”.
o 29 de novembro.- A Panadaría: “Elisa e Marcela”.
o 5 de decembro.- De Ste Xeito: “Running”.
Sampedro adiantou que se está a traballar para que, se é posible, o Grupo Municipal de Teatro de Riveira sexa o que peche este programa con outra función en decembro.