O delegado territorial destacou que a comarca de Ferrolterra contou en 2018 cun total de 7 talleres de formación e emprego grazas a un investimento da Xunta de 1,4 millóns de euros
Un total de 20 alumnas e alumnos formáronse nos últimos nove meses en Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Montes en Ferrol, grazas a un obradoiro de emprego que contou cunha achega da Consellería de Economía, Emprego e Industria de 316.000 euros. Os alumnos comezaron a formación teórica e práctica o pasado mes de outubro e concluíron esta mesma semana.
Ovidio Rodeiro foi o encargado de clausurar o taller de emprego “Costa Verde” financiado pola Xunta de Galicia coa colaboración do Concello de Ferrol.
Os traballos prácticos das alumnas e alumnos consistiron na conservación e mellora de 7 parcelas en polígonos industriais da cidade.
Ovidio Rodeiro destacou na súa intervención que “estes obradoiros permiten aos participantes obter unha cualificación profesional que favorece a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios reciben formación específica que lles permite iniciar os seus propios proxectos”. O delegado territorial felicitou a todos “porque a partir de agora estades mellor preparados que fai 9 meses para atopar un emprego, xa que a vosa formación adaptouse ás necesidade das empresas desta comarca”.
Obradoiros
A comarca de Ferrolterra contou en 2018 cun total de 7 obradoiros de emprego, 4 deles de carácter dual, onde participaron alumnos e alumnas de calquera idade e 3 de Garantía Xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas a Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu en políticas activas de emprego 1.452.361 millóns de euros.
Os obradoiros duais tiveron lugar en Cabanas, compartido con Pontedeume e Monfero, As Pontes de García Rodríguez, Ares, compartido con Fene, Cabanas, Mugardos e Neda e Ferrol. Pola súa banda, os obradoiros do Sistema de Garantía Xuvenil, realizáronse dous en Ferrol, un deles compartido con As Pontes, e en Fene, compartido con Ares, Cabanas, Neda e Mugardos.
Os talleres ordinarios contan con formación e un acceso a un contrato de traballo durante nove meses e os duais a maiores ofrecen 3 meses máis de traballo nunha empresa da zona na especialidade na que se forman os alumnos.
Estes obradoiros permitiron que un total de 116 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. Os participantes reciben un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. A duración dos obradoiros xerais foi de 9 meses e os de Garantía Xuvenil de 6 meses.