O talento local enche a sala de exposicións do primeiro andar da Casa do Concello. Ese ben podería ser outro titular para esta información, na que imos falar sobre a exposición “Personaxes da vida interior”. A súa autora é Carolina Bouza Calvo. Case 22 anos, veciña nosa de Vilafiúnce e estudante de Belas Artes, Carolina tráenos unha colección de 18 debuxos de trazo fino representativos dun imaxinario propio que foi trasladando ao papel entre 2016 e 2018. Figuras grotescas onde se xuntan en pequeno formato soños e caricaturas sen referentes reais cun nexo común: a recorrencia dos narices desproporcionados. Estivemos con ela para que nos contase algo máis desta exposición -que pode visitarse até o 26 de agosto- e tamén dos outros proxectos plásticos nos que anda traballando.
“Personaxes da vida interior” preséntase en forma de láminas de pequeno formato penduradas sobre o inmenso branco da galería municipal. A maioría dos debuxos teñen un tamaño de medio folio e os máis grandes non superan o dunha folla A4. A autora dispúxoos agrupados procurando fuxir da luz directa do sol e desprovistos de soporte, só o papel groso suspendido dun fío. O contraste entre o tamaño das obras e o do fondo expositivo crea unha sensación un tanto descompensada que, porén, é algo pretendido por Bouza: “quero que a xente se teña que achegar moito aos debuxos para ver os seus detalles. Para velos ben hai que miralos moi de preto”.
E o que se observan son retratos imposibles de seres imaxinarios “sen unha temática en si, senón que foron personaxes que foron xurdindo, o que ía aparecendo. É unha mostra das miñas primeiras obras, dos primeiros anos en que empecei a ilustrar e con elas pecho un período”, asegura a debuxante, quen empregou bolígrafos de punta fina para sombras e contornos e só nalgúns casos toques de cor con acuarela. “Cústame dar cor, por iso traballo en monocromo”, explica.
Unha visual rápida suxire o recordo do caricaturismo dos séculos XVIII e XIX, época na que certos autores estilaban acentuar a sátira con grandes cabezas sobre corpos minúsculos. Non era algo novo, posto que o xénero levaba cultivándose desde moito antes a través da literatura, con exemplos como o da guerra cruzada de descalificacións poéticas mantida entre Francisco de Quevedo e Luís de Góngora.
O soneto “A una nariz” -co que Quevedo se burlaba do fuciño Góngora- tamén ten certa presenza nos debuxos de Carolina Bouza, quen dota a todas as súas caras con narices descomunais ao tempo que adobía as figuras con elementos surrealistas. Ela mesma recoñece a influencia: “As miñas obras teñen unha característica común, o nariz, eses desmesurados narices. E é que cando lin por primeira vez o poema que Quevedo lle adicou ao nariz de Góngora, fixo que a miña visión do mundo cambiara de maneira repentina, agora non paro de fixarme neles como protagonistas de cada rostro. Os narices son as estrelas das miñas obras”.
Aos seus 21 anos -case 22- Carolina Bouza non pecha a súa creatividade ao campo do debuxo, senón que tamén toca os paus da escultura e da fotografía, aínda que, segundo asegura “A ilustración é o 80% do que fago e o 20% restante repártese entre a fotografía e a escultura”. Nos últimos dous anos participou en alomenos cinco mostras individuais e colectivas en Ferrol e Santiago. Chama a atención “Querido Poe”, colección de autorretratos dixitais que reinterpreta á súa vez as ilustracións de Benjamin Lacombe para unha das últimas edicións dos “Contos macabros” do autor estadounidense.
“Personaxes da vida interior” está aberta na Galería da Casa do Concello de San Sadurniño ata o próximo 26 de agosto en horario de mañá: de 8.30 a 14.30h. de luns a venres. Namentres, Carolina ultima os preparativos do seu novo proxecto, titulado “Mecánica dorada”. Son 7 ilustracións “dedicadas á mecánica antiga mesturada cos meus personaxes” que se inaugurará proximamente na tenda de arte ferrolá A Vella fábrica de lápis.