Friday 22 de November de 2024

O técnico de Deportes do Concello de Lousame cooperará en Mozambique a través do programa Vacacións con Traballo


Néstor Romero, da área de Deportes, colabora con ONGD parceiras do Fondo Galego de Cooperación xunto a persoal dos Concellos da Coruña e Redondela
O técnico de Deportes do Concello de Lousame, Néstor Romero, desprazarase o vindeiro mes de novembro á vila mozambicana de Nhamayábue para colaborar como voluntario. Será dentro do programa Vacacións con Traballo, no que colaborará con entidades parceiras do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que é socio o Concello de Lousame.
Romero intercambiará experiencias co seu homólogo na localidade mozambicana e participará na organización dun campionato de fútbol do distrito. A súa intención é “impulsar o fomento do deporte neste concello rural e apoiar en todo o que estea na miña man”. Por iso, tamén aproveitará para supervisar o proxecto de abastecemento de auga que o Fondo Galego financia na zona e que se atopa en proceso de reparación tras verse afectado polas fortes chuvias deste ano.
O técnico municipal de Lousame acaba de participar en Pontevedra nunha xornada formativa xunto a técnicos dos Concellos da Coruña e de Redondela que tamén forman parte de Vacacións con Traballo, programa cofinanciado pola Xunta de Galicia.
O primeiro dos desprazamentos previstos será o de Lola Pardo, técnica de desenvolvemento local do Concello da Coruña que acudirá en setembro a Cabo Verde. O seu cometido será asesorar á Cámara Municipal de Santa Cruz para facer avanzar o seu Plan Estratéxico de Desenvolvemento Económico, mesmo formando a axentes locais. “Espero achegar, e recibir tamén, experiencia e coñecemento, pois é un camiño de dobre sentido que agardo teña continuidade despois da estadía”, comenta a voluntaria.
En novembro, como Romero, acudirá tamén a Mozambique Jesús Bravo, técnico medioambiental do Concello de Redondela, para cooperar durante un mes coa Fundação Encontro combatendo a acumulación de lixo, unha problemática crecente. O seu cometido pasa por “asesorar en materia de reciclaxe dos residuos e concienciación ambiental, sempre cunha perspectiva de solidariedade e compromiso”, apunta. Entre as súas tarefas estará orientar na planificación dalgunha proposta que presentarlle ao Concello de Boane e formar ao grupo de activistas Khumbuka, que logo se encargan de dinamizar ás comunidades.
Con esta decimocuarta edición, serán un total de 47 as empregadas e empregados da administración local que teñan participado nas Vacacións con Traballo. O obxectivo do programa é achegar unha cooperación técnica sobre o terreo, pero tamén visibilizar a realidade do Sur e sensibilizar fronte as desigualdades. Con este fin, o voluntariado enviará periodicamente publicacións para as redes sociais e tamén se editará un caderno dixital.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 97 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.