Friday 22 de November de 2024

O Concello de Noia delegará na Xunta as competencias dos procedementos para a selección de efectivos da Policía Local


 

Os grupos acordaron efectuar unha posta en común e avaliación de posibles novas medidas para ampliar as políticas municipais de conciliación da vida laboral e familiar

O Concello de Noia delegará na Xunta de Galicia os procedementos para a selección de axentes e auxiliares da Policía Local e vixilantes municipais. O acordo tomouse no pleno da pasada noite cos votos a favor do PP, N.O.I.A. e o BNG, o voto negativo do PSOE e a abstención da Marea Cidadá.

O concelleiro responsable da Policía Local, Julio Bustelo, explicou que a decisión vaise traducir nunha maior axilidade e un considerable aforro económico á hora de convocar e cubrir prazas de efectivos para a forza de seguridade municipal. Ante as reticencias dos grupos do PSOE e da Marea sobre un suposto baleirado de competencias municipais, o alcalde, Santiago Freire, precisou que o único que se delega son os procesos de selección, non a xestión sobre a Policía Local, e que ademais é un acordo para catro anos e reversible en calquera momento.

Tanto Freire como Bustelo sinalaron que o Concello gañará en eficiencia ao evitar unha sobrecarga de traballo administrativo que a Xunta efectuará sen custo algún para o erario municipal. Ademais, lembraron que ao convenio coa Xunta están adscritos ou a punto de facelo uns 75 Concellos de toda Galicia, entre eles grandes cidades e localidades gobernadas polo PSOE ou por forzas equiparables á Marea noiesa. Tamén deixaron patente que os principais sindicatos policiais defenden que sexa a Xunta a que centralice estes procesos de selección, tal como manifestaron en diversos escritos remitidos ao Concello cando esta mesma proposta fora rexeitada en xaneiro de 2018.

O goberno municipal reiterou o seu propósito de ir cubrindo prazas da Policía Local e lembrou que desde 2007 ata 2016 os anteriores executivos locais non repuxeron prazas que quedaron libres por xubilacións e outros motivos, creando as actuais dificultades para atender todas as quendas de traballo.

Conciliación
Todos os grupos concordaron en deixar sobre a mesa a proposta do grupo da Marea Cidadá para elaborar un Plan de Conciliación. Chegaron ao acordo de facer unha posta en común de iniciativas e medidas concretas susceptibles de ser aplicadas no municipio, previa avaliación da súa viabilidade formal e económica.

A concelleira Ángeles Neri desmentiu que o Concello non ofreza medidas de conciliación da vida laboral e familiar. Entre as iniciativas acometidas, debullou a posta en marcha dos programas madrugadores, que no curso 2019-2020 chegarán aos colexios Felipe de Castro e Rodríguez Cadarso en colaboración coas ANPAS dos centros, ademais de campamentos lúdicos ou un aumento considerable nas horas de atención do Servizo de Axuda no Fogar, que tal como lembrou o goberno local debe considerarse tamén como unha medida de conciliación.

Renuncia de Ángeles Neri
Na sesión, na que o alcalde deu lectura a unha declaración institucional co gallo do Día da Patria Galega e o grupo de música tradicional Os Salgueiriños interpretou o Himno de Galicia, a corporación tomou coñecemento da renuncia de Ángeles Neri. A xa exconcelleira do PP manifestou que “foi un privilexio e un orgullo formar parte da corporación” e expuxo que nas súas novas funcións continuará “axudando ao alcalde e aos demais compañeiros para mellorar a calidade de vida da veciñanza de Noia”. Os portavoces dos diversos grupos agradeceron o seu labor, destacaron o carácter “conciliador” de Neri e desexáronlle sorte nos seus novos cometidos. A acta que Neri deixa vacante será ocupada por María Beatriz Rosende Paz.