Friday 22 de November de 2024

O Concello de Noia participou na presentación da nova campaña comercial presentada no Hipermercado Eroski


 

A concelleira de Comercio e Hostalería, Mariola López, gabou a aposta da empresa polos “produtos de cercanía e de calidade”

A concelleira de Comercio e Hostalería de Noia, Mariola López, participou esta mañá na presentación da nova campaña de posta en valor dos produtos galegos desenvolvida no Hipermercado Eroski de Noia. No acto, estivo acompañada polos directores da Axencia Galega de Calidade Agroalimentaria (AGACAL), Manuel Rodríguez, e de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, ademais do director de compras de Vegalsa-Eroski, Jorge Eiroa; a directora de Relacións Institucionais, RSE, Comunicación e Área de Cliente da compañía, Gabriela González, e do responsable de Hipermercados Eroski, Bruno Fernández. Á cita tamén acudiron arredor de cincuenta provedores.

Na súa intervención, Mariola López gabou a aposta de Vegalsa-Eroski “por potenciar os produtos de proximidade e de calidade e dalos a coñecer directamente aos consumidores”. Neste senso, lembrou que nos meses estivais son numerosos os visitantes que acolle o municipio de Noia, polo que esta campaña tamén “servirá para achegar os nosos produtos ao propios e foráneos a través desta iniciativa que ten por slogan Come rico, come san”.

Pola súa banda, o director do AGACAL, Manuel Rodríguez, lembrou a importancia deste tipo de campañas, xa que “amosan o compromiso por posicionar os produtos galegos de calidade nun lugar destacado. Un compromiso que tamén ten que adquirir a sociedade en xeral por un sector agroalimentario que garante a calidade, a tradición, a orixe e o sabor”.

Jorge Eiroa salientou que “en Vegalsa-Eroski abrimos as nosas tendas aos produtos locais producidos na contorna máis próxima a cada centro, convertendo aos nosos provedores e aos seus produtos nos verdadeiros protagonistas. Porque así nolo demandan os nosos clientes, que buscan nas nosas tendas a mellor selección dos produtos locais e de tempada como base dunha alimentación saudable e sostible”, concluíu.

Campaña específica no Hipermercado Eroski de Noia

Ademais de acoller a propia presentación da nova campaña, o Hipermercado Eroski de Noia acollerá dende hoxe ata o sábado 27 de xullo diversas actividades promocionais, principalmente en formato de degustación, para dar a coñecer á clientela os produtos de proximidade dos provedores que participaron nesta acción específica. Entre eles, atópanse Biscuits Galicia, Huevos Campomayor, Calvo, Quesos Hoxe, Embutidos Castelao, Coren, Torre de Núñez, Bodegas Martín Códax, Cafés Candelas, IGP Ternera Gallega, Lácteos Bretón, Lambone, Dispravia, Apetece Artesanos de la Empanada y Da Veiga.