Friday 22 de November de 2024

A EIM A Rolada de San Sadurniño, unha escola de sobresaliente


 

Hai tan só uns días reuniuse na Casa do Concello a Comisión de seguimento da Escola Infantil Municipal A Rolada para tratar distintas cuestións do funcionamento do centro e tamén para valorar os resultados da enquisa anual que se lles pasa ás familias. Os datos recollidos volven confirmar o alto grao de satisfacción co servizo, que obtivo unha media de 4,5 puntos sobre 5 nos catro bloques temáticos polos que se preguntaba, centrados na atención do persoal da escola e do Concello, nos servizos que se prestan, nas instalacións e na cualificación do grao de convivencia e comunicación que existe no seo desta pequena comunidade escolar. O centro infantil comezará o curso o próximo 9 de setembro cun total de 30 matrículas confirmadas.

Na aula de 2 a 3 anos cubríronse as 17 prazas ofertadas e mesmo hai dúas solicitudes en lista de agarda, mentres que nas outras unidades aínda hai dispoñibles oito vacantes: seis na de 0 a 1 ano e dúas na de 1 a 2. As familias que o precisen poden inscribir a cativería en calquera destas prazas libres entregando a documentación no Concello, previo paso pola EIM para comprobar que non falta ningún papel. A adxudicación farase seguindo a orde de entrada de cada petición no rexistro municipal.

Tanto para as matrículas xa formalizadas como para as que se tramiten nos próximos días xa hai marcada unha data no calendario: o mércores 4 de setembro ás 19.00h. Ese día e a esa hora celebrarase no salón de plenos do Concello unha xuntanza con todas as familias para informalas sobre como vai ser o desenvolvemento do curso 2019-2020.

Ao día seguinte, o xoves 5, empezará o curso coas entrevistas individualizadas cos pais e nais de cara a coñecer de antemán aspectos que poidan ser claves para unha atención á rapazada o máis personalizada posible. O venres 6 de setembro haberá xornada de portas abertas no centro para que a cativería se vaia afacendo ao espazo e ás mestras e o luns 9 arrancará o período de adaptación, no que as nenas e nenos irán incrementando pouco a pouco o seu tempo de estadía na aula ao longo de aproximadamente dúas semanas.

No curso que vén a escola terá un horario de 8 a 16.00h. e, ademais, na Comisión de seguimento -formada por responsables municipais e persoal do Concello e do centro- tamén se abordou a necesidade de realizar pequenos axustes no regulamento de funcionamento interno da escola, como por exemplo a obriga das familias de manter actualizada no expediente da escola a cartilla de vacinación do neno ou nena.

Alto grao de satisfacción co servizo
E mentres se anda a voltas cos preparativos do novo curso, tamén se fai balance do que remata analizando a información recollida na enquisa que se lles pasou recentemente ás familias. A folla incluía 30 preguntas de avaliación cunha puntuación do 1 ao 5 divididas en catro bloques temáticos: Persoal do centro e do Concello, Servizos e procesos, Instalacións e, por último, Convivencia, comunicación e relacións na escola. En todos os apartados a maioría das respostas se situou entre o 4 e o 5, de xeito que as familias participantes no estudo cualifican a escola cun sobresaliente.

Canda estas preguntas pechadas incluíronse varios campos de resposta aberta para recoller achegas sobre cambios, actividades extraescolares e outras observacións, ademais de dúas preguntas xerais para coñecer a valoración xeral e saber ata que punto recomendarían este servizo socioeducativo a outras familias. En ambos os dous casos a media obtida é superior a 9 puntos sobre un máximo de 10.