Oito novos efectivos, que están xa no período de prácticas, sumaranse ao cadro de persoal, que ten varias convocatorias pendentes de 30 e 25 prazas
A Policía local de A Coruña contará antes do próximo verán con 48 axentes, 12 oficiais e 4 inspectores, o que suma un total de 64 novos profesionais aos que haberá que engadir futuras vacantes de convocatorias que sairán debido a promocións internas e xubilacións.
Este aumento do cadro de persoal arrancou hoxe coa presentación de oito policías da AGASP (Academia Galega de Seguridade Pública), que foron recibidos pola alcaldesa Inés Rey e o responsable de Seguridade Cidadá, Carlos García Touriñán, no Concello. A rexedora amosou a súa disposición a colaborar co colectivo como “cidadá normal” que é e tamén por ser a concelleira de Seguridade Cidadá. Os oito efectivos están realizando na actualidade as prácticas, dentro do curso formativo obrigatorio que terán que superar para seren nomeados funcionarios de carreira. Nesta mesma oferta que sacou a AGASP e que está pendente de realizar a oposición libre, o Concello delegou mediante o convenio coa Xunta a oferta de 30 prazas. Por outra parte, está rematando a oposición por promoción interna dun novo inspector.
Previamente á publicación en xuño no BOP das bases das convocatorias, o xoves
18 de xullo anunciáronse no DOG outras 25 prazas de policía local, quedando pendente, de que se fagan público no BOE para abrir un prazo de presentación de instancias para os interesados. Serán, en total, 10 prazas de policía do corpo da policía local (persoal funcionario de carreira, turno mobilidade), 12 de oficial (10 por promoción interna e dúas por mobilidade) e tres de inspector (dúas por promoción interna e unha por mobilidade).