Friday 22 de November de 2024

Medio Rural avanza na reestruturación parcelaria de San Vicente e Santa María de Vigo, nos concellos de Carral e Cambre


O director xeral de Desenvolvemento Rural acaba de asinar a acta de reorganización, que supón o inicio da tramitación dos títulos de propiedade ante notario e rexistro

A Consellería do Medio Rural segue avanzando nos procesos de reestruturación parcelaria de toda Galicia e, desta vez, dá un novo paso na reorganización da zona de San Vicente e Santa María de Vigo, que comprende unha superficie de 599 hectáreas dos concellos coruñeses de Carral e Cambre.

En concreto, o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, vén de asinar a acta de reorganización, que supón o inicio da tramitación dos títulos de propiedade ante notario e rexistro.

Trala firmeza do acordo, que foi aprobada en outubro do ano pasado, só queda a entrega de títulos aos 697 propietarios que se benefician deste proceso de reorganización. Estes veciños viron aumentada a superficie das súas parcelas, ao redistribuírse un total de 2.202 predios en 1.087 terreos.

O remate das reestruturacións parcelarias abertas é unha das principais liñas de traballo da Consellería do Medio Rural. Para esta finalidade, o departamento que dirixe José González destina anualmente dende o ano 2016 un orzamento de 20 millóns de euros para estes procesos.