Durante este sábado estanse a repartir centos de embudos feitos con envases reciclados para facilitar o baleirado do aceite nas botellas
A Concellería de Medio Ambiente de Noia está a desenvolver hoxe sábado unha xornada de promoción de hábitos saudables e reciclaxe de aceite doméstico entre todas as persoas que se achegan aos areais do municipio. Unha iniciativa incluída na campaña “Praias sen fume”, onde o Concello de Noia foi distinguido co Diploma de Ouro, entregado o pasado mércores polo conselleiro de Sanidade.
Así, entre as 12.00 e as 14:00 horas e de 17:00 a 19:00 horas, mesas informativas explicábanlles á xente os beneficios para a saúde de non fumar ao tempo que os concienciaban de que non poden tirar as cabichas en calquera lugar. Ademais de entregar información sobre a iniciativa “Praias sen fume”, tamén se informaba sobre a importancia de reciclar correctamente o aceite de cociña usado.
De feito, para facilitar a súa recollida, durante toda a xornada se entregaron uns embudos feitos con envases de botellas de plástico recicladas que facilitan o baleirado do aceite nas botellas. Así, o embudo conta cunha rosca que se coloca onde o tapón da botella, permitindo o baleirado do aceite con seguridade e sen que se perda nada do líquido. Unha vez depositado o líquido, o enxeño dispón dunha tapa que permite o peche da botella, que queda lista para a seguinte recollida.
O concelleiro de Medio Ambiente, Martín Fernández Godón, explica que “durante o ano pasado, os veciños e veciñas de Noia reciclaron un total de 7.017 litros de aceite de cociña usado o que evitou contaminar máis de 7,7 millóns de litros de auga e serviu tamén para evitar tanto obstrucións no saneamento municipal como avarías nas depuradoras”.