Thursday 21 de November de 2024

O Concello de Lousame clausura os seus campamentos de verán, nos que participaron 103 nenos e nenas de entre 6 e 16 anos


O coidado do medio ambiente foi o eixo da iniciativa

Un total de 103 nenos e nenas de entre 6 e 16 anos de Lousame e municipios limítrofes participaron durante esta semana na decimosétima edición dos Campamentos de Verán do Concello de Lousame. Unha iniciativa de conciliación familiar que foi clausurada na tarde de onte pola concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, quen entregou a todos os participantes o seu correspondente diploma acreditativo.

Agrafojo salientou que “con esta iniciativa buscamos un dobre obxectivo: por unha banda ofrecerlles aos rapaces e rapazas de Lousame cinco divertidos días de actividades lúdico-culturais, deportivas e de natureza e, pola outra, axudar a darlles un respiro ás súas familias, pois estes obradoiros teñen a característica especial de ocupar toda a xornada, de 9:30 a 20:00 horas”. Compre lembrar que, a maiores, o Concello de Lousame tamén ofrece durante xullo e agosto a súa Ludoteca de Verán, unha iniciativa de conciliación familiar que ocupa o que sería o horario escolar.

O coidado do medio ambiente foi o eixo temático destes campamentos, que remataron onte cunha gran festa con festa da escuma, parque acuático móbil e unha das actividades máis aplaudidas de cada edición: a carreira “holy run”, na que os participantes non só correron, senón que bailaron e se embadurnaron uns aos outros con polvos de cores. Durante a semana, a rapazada realizou actividades como unha recollida de plásticos e participou en diversos obradoiros de promoción da reutilización e a reciclaxe.