O municipio riveirense dará cabida no mes de agosto a un novo curso de monitor de fútbol base dirixido a todos aqueles que queira iniciar a súa carreira como adestrador.
Para presentar esta iniciativa, compareceron no Consistorio Local o presidente da Escola Galega de Adestradores, Iván Cancela, e o presidente do club promotor Carreira C.F., Francisco Sieira, acompañados pola primeira tenente de alcalde María Sampedro.
Segundo informou Cancela, dende este verán a superación deste curso é obrigatorio como paso previo ao que serve para adquirir o título de técnico deportivo de fútbol nivel 1, de resultas dunha unificación a nivel de España requirida pola UEFA.
O período de inscrición abrirase nas próximas horas e as persoas interesadas poden formalizar a súa asistencia na páxina web www.futgal.es. O mínimo para a súa celebración é de 18 persoas (está aberto a calquera persoa interesada, sexa ou non de Riveira). Constará de 65 horas lectivas repartidas en 5 semanas (os horarios concretos definiranse xunto ao club promotor) e celebrarase no polideportivo de Palmeira.
Francisco Sieira confesou que no seo da entidade ao principio foron reticentes a estes cursos pero que agora recoñecen a súa valía e o beneficio que entrañan na formación dos nenos e nenas.
Pola súa parte, María Sampedro salientou a gran demanda deste tipo de accións e a calidade dos profesores que forman parte da Escola de Adestradores (caso do palmeirán Yago Iglesias, de José Manuel Pose, do Vilar, e Álex Parada, de Frións, según destacou tamén Iván Cancela). A edil tamén fixo fincapé na idoneidade do curso de cara ao posible proxecto de unificación das canteiras no que se está a traballar.